GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Talento galego para Europa

(17/02/2014)

Talento galego para Europa

Profesionais sanitarios que cambiaron Galicia por Inglaterra relatan as súas experiencias agora que a UE convocou dez mil novas prazas

Escrito por:

17 de febreiro de 2014  

Europa busca en España o persoal sanitario que necesitan -e con urxencia- varios países. Alemaña, por exemplo, precisa tres mil médicos e case 350 farmacéuticos. Finlandia reclama 12.350 enfermeiros, e así ata os dez mil sanitarios que a Rede Eures, a canle da Comisión Europea para ofertas públicas de emprego, acaba de pór no mercado. E mentres numerosos galegos esfollan a margarida, outros hai tempo xa que deron o salto e probaron sorte noutros países. Non dubidan en recomendar a experiencia aos novos aventureiros.

Carmen López Soto, natural de Cee, é anestesista na unidade de coidados neurocríticos do Addenbrooke's Hospital de Cambridge, no Reino Unido. Decidiuse por Inglaterra para completar a súa formación, pero deu o paso definitivo cando comprobou as dificultades que había para traballar en España.

«A finais do 2011 regresei a Galicia porque me ofreceron un contrato de seis meses no CHUO ourensán que logo se quedou en mes e medio. Pero antes, visto como estaba todo aquí, fixen varias solicitudes en Inglaterra. Chamáronme, ofrecéronme un contrato de seis meses ampliable e non mo pensei».

Desde entón exerce no hospital de Cambridge «como profesional de grao medio». Para os ingleses é aínda «unha residente menor» porque alí a formación «dura nove anos» e ela estaría «no sétimo».

Traballa 48 horas semanais a quendas, ata que alcance a categoría de adxunta especialista, na que as gardas pasan a facerse «desde casa». A vantaxe do sistema, sostén Carmen, é que «aquí se respectan as horas de traballo e compénsase o tempo extra das quendas». O inconveniente, «que hai moita xente con pouca experiencia manexando os hospitais».

Aos galegos que queiran seguir os seus pasos advírtelles de que, aínda que o salario é bo e ela considérase «ben remunerada», o custo da vida en Inglaterra é alto, «especialmente en Cambridge». Ademais, «necesitas un nivel de inglés moi alto para aspirar a traballar no que estudaches, e coñezo casos de españois que terminaron no Starbucks».

No Addenbrooke's Hospital está tamén a súa compañeira Rosario Hermida Magariños, de Pontevedra, «pero criada en Santiago», matiza. Rosario, que é enfermeira, chegou a Cambridge para vivir unha experiencia de doce meses. Despois de dez anos e dous ascensos é supervisora de planta en traumatología.

Nos hospitais, o tempo dedicado á formación recoñécese como horas de traballo

 

Para Rosario Hermida, «Galicia segue sendo Galicia», así que cada dous meses colle un avión e vén darse unha homenaxe «de polbo e albariño». Isto é posible polas facilidades do sistema laboral británico: «Teño 300 horas de vacacións ao ano, unhas sete semanas e media, que distribúo como me interesa. Economicamente estou mellor que en Santiago, aínda que tamén é certo que Cambridge é caro», di a enfermeira.

O descanso anual non é a única vantaxe que atopa no sistema inglés. «Son diplomada, pero estou preparando a licenciatura para mellorar e adaptarme a Bolonia. O hospital págame a metade da matrícula e calculo que ao final me aforrarei entre 8.000 e 10.000 libras». O tempo de clases recoñécello o Addenbrooke?s como horas de traballo. Eses son os motivos polos que recomendaría «a todo o mundo» emprender esta aventura laboral, «Aquí non dan duros a catro pesetas, pero se vales, cóidanche», concede.

Segundo os datos da Organización Médica Colexial, o número de certificados de idoneidade outorgados a médicos en España ?solicitados en xeral para exercer no exterior? foi de 3.279 no 2013, cando no 2012 foran 2.405.

 

Todo con receita

Tamén se incrementan os certificados para farmacéuticos. A cullerdense Mónica Vilar regresou no 2011 da súa aventura británica. «Volvín porque quedei embarazada e podíame a morriña ?admite?, pero a verdade é que laboralmente estaba moi contenta, e a nivel económico non hai comparación».

Hoxe exerce no Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, pero durante a súa estancia en Oxford, desde o 2008, traballou en boticas, ante o público. O seu irmán, tamén farmacéutico, leva dez anos no Reino Unido. «É moi gratificante este traballo en Inglaterra, porque alí funciona moi ben a atención farmacéutica; non estamos só para vender medicamentos, senón tamén para aconsellar, pois se consulta menos ao médico. A verdade é que me sentín moi valorada». Outra diferenza con Galicia é que «case todas os medicamentos se dan con receita, e se pides unha das poucas que non a necesitan, o profesional farache todo tipo de preguntas para asegurarse de que a usarás ben. Son moi esixentes en iso».

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas