GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O Consello da Cultura Galega dixitaliza a relación de Francisco Fernández del Riego con América

(10/01/2014)

O Consello da Cultura Galega dixitaliza a relación de Francisco Fernández del Riego con América

Redacción, Santiago | 10 Xaneiro 2014 - Crónicas da Emigración


Fernando Fernández del Riego.
Fernando Fernández del Riego.

Baixo o título 'Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América', e empregando fondos do Arquivo da Emigración Galega e do Arquivo Sonoro de Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) publicou este venres un especial que recolle a traxectoria e impacto cultural de Francisco Fernández del Riego en América. O especial, realizado con motivo do centenario do nacemento do polígrafo vigués, permite explorar case trescentos artigos que Fernández del Riego publicou en máis de vinte publicacións promovidas por sociedades de emigrantes en América. O especial pode consultarse en www.consellodacultura.org/prensa/.

Ademais, 'Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América' incorpora unha liña do tempo que ilustra as relacións entre Del Riego e a diáspora, e no que se poden escoitar fragmentos dos seus discursos de homenaxe a destacadas figuras galegas durante a visita especial que realizou a Bos Aires en 1954, das que o CCG preserva gravacións no Arquivo Sonoro de Galicia.

A actividade xornalística de Del Riego nas revistas da emigración está marcada polo afán de informar sobre a actualidade cultural de Galicia, pero tamén de instruír e ensinar sobre as bases da cultura galega.

Defensor de Galicia e a súa cultura

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 7 de xaneiro de 1913-Vigo, 26 de novembro de 2010), é referencia obrigada na historia do 'galeguismo' e da cultura galega do século XX. Empezou os estudos de Dereito na Universidade de Madrid, e rematounos en Santiago de Compostela, ao tempo que preparaba Filosofía e Letras. Secretario xeral das 'Mocidades Galeguistas' durante a República, na posguerra foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, na que chegaría a ser director xerente, entre outras tarefas, e codirector, xunto con Ramón Piñeiro, da revista 'Grial' nos seus cen primeiros números. Autor de numerosos traballos, a súa extensa obra abrangue case todos os xéneros, dende a crítica literaria á novela e as memorias. Ingresa na Real Academia Galega en 1960 co discurso Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores', e, xunto con Ferro Couselo e Gómez Román, foi quen propuxo e levou adiante en 1963 a creación o 17 de maio do Día dás Letras Galegas. Presidiu esta institución entre 1997 e 2001, converténdose nun dos seus grandes renovadores. Director da Fundación Penzol dende a súa creación en 1963 ata poucos meses antes do seu falecemento, a súa vida e a súa extensa obra mostran a fidelidade continua e a defensa de Galicia e da súa cultura.

Relación cos galegos de América

A relación de Fernández del Riego cos galegos emigrados en Bos Aires tivo un longo recorrido. Deu comezo nos primeiros anos da década dos trinta, cando xa colaboraba en diversos xornais que alí publicaban, como 'Galicia', Boletín da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, 'A Fouce' ou 'O Irmandiño', de Montevideo. Tras a guerra civil, recomenzou a colaboración que mantivera cando era estudante universitario. En 1949 a Federación de Sociedades Galegas bonaerense editoulle o seu primeiro libro, 'Cos ollos do noso espírito', nunha época na que xa escribía regularmente na revista 'Galicia', do Centro Galego, a instancias de Luís Seoane, quen era daquela o director. En 'Galicia Emigrante', fundada posteriormente polo propio Seoane, continuou a tarefa colaboradora. Hai que subliñar, ademais, que foi o representante oficial en Galicia do Centro Galego de Bos Aires practicamente durante vinte anos. E este labor ampliouse a numerosas cabeceiras da prensa galega do outro lado do mar. Como o propio Fernández del Riego diría moitos anos despois: "Dende aquí mantivemos a intensa relación que cumpría para facer máis frutífero o labor de cooperación entre os que vivían nunha e noutra banda do océano."

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas