GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Europa ante a inmigración

(25/10/2013)

Europa ante a inmigración

Fan falta fondos urxentes para reforzar a busca e rescate no Mediterráneo

Cecilia Malmström 24 OUT 2013 -El País

Teño -todos temos- en mente as terribles imaxes de Lampedusa e da embarcación que naufragou en augas de Malta só uns días despois. Persoalmente, nunca poderei esquecer os centos de féretros, o fondo desespero reflectido nos ollos dos superviventes ou as imaxes dos náufragos esforzándose penosamente por alcanzar os buques de salvamento.

Eses tráxicos sucesos esixen respostas inmediatas a escala nacional e da UE, non só palabras.

Para empezar, as normas e as obrigas europeas e internacionais obrigan a rescatar as embarcacións en perigo, e corresponde aos Estados membros xestionar e vixiar as súas fronteiras.

Os países nas fronteiras exteriores da UE xa reciben fondos e axuda da UE para facelo: en 2007-2013, Italia recibiu 478 millóns de euros para xestionar os fluxos migratorios e de solicitantes de asilo; Grecia, 376 millóns, e Malta, 85 millóns. Só no referido a fondos destinados á xestión das fronteiras, nos dous últimos anos Italia recibiu 136 millóns de euros; Grecia, 89 millóns e Malta, 35 millóns.

Tamén presta axuda operativa a Axencia Europea de Fronteiras (Frontex), que na actualidade está a coordinar no Mediterráneo cinco operacións en apoio das medidas nacionais de vixilancia, interceptación e salvamento.

Quixera tamén subliñar que o aumento da presión migratoria e dos solicitantes de asilo non é soamente un problema dos países mediterráneos. De feito, son outros Estados membros os que resolven a maior parte das solicitudes de asilo. Das 330.000 solicitudes de asilo presentadas nos países da UE en 2012, o 70% ían dirixidas unicamente a cinco Estados membros: Alemaña (75.000), Francia (60.000), Suecia (44.000), Bélxica (28.000) e Reino Unido (28.000). En 2012, Italia recibiu 15.700 solicitudes de asilo e Malta, 2.000.

Os países mediterráneos non son os que reciben máis solicitudes de asilo

Agora ben, tamén é obvio que a presión crecente que están a experimentar Italia, Malta, Grecia e outros países mediterráneos constitúe un problema europeo, e que unha xestión adecuada dos fluxos migratorios e dos solicitantes de asilo a escala nacional ha de ir acompañada das iniciativas e medidas correspondentes a escala da UE.

Hoxe e mañá, os xefes de Estado e de Goberno europeos analizarán as políticas de migración e asilo, tras a catástrofe de Lampedusa, e esforzaranse por encontrar o xeito de previr traxedias semellantes. Os dirixentes europeos terán así unha oportunidade única para mostrar que a UE se basea no principio de solidariedade e apoio mutuo.

A Comisión Europea xa apuntou algúns temas de debate que esperamos sexan tidos en consideración nese encontro.

Os recentes labores de rescate desenvolvidos conxuntamente por Malta e Italia permitiron salvar centenares de vidas e demostraron que o aumento e a coordinación das tarefas de vixilancia resultan fundamentais para evitar novas mortes en augas mediterráneas. Por iso, a Comisión Europea propón que Frontex leve a cabo unha ampla operación de busca e rescate en todo o Mediterráneo, dende Chipre ata España, co fin de evitar novas desgracias.

Esa operación, xunto coas tecnoloxías máis avanzadas facilitadas por Eurosur, permitirannos mellorar a detección, o seguimento e a identificación de navíos e embarcacións, adiantando así as operacións de salvamento e salvando vidas. Tamén brindará un exemplo concreto de solidariedade e apoio mutuo.

Non obstante, esa operación só pode ser eficaz se todos os Estados membros están dispostos a investir recursos técnicos e económicos adicionais. Os expertos da Comisión e da Frontex están xa a valorar cales son as necesidades e os medios que requiriría unha operación de tales características, pero ese labor non pode facerse sen as contribucións adicionais e urxentes dos Estados membros.

O Consello Europeo debe estudar tamén o incremento da cooperación e o diálogo cos países de orixe e tránsito dos emigrantes e os solicitantes de asilo, en particular con Libia, co fin de abordar os problemas de raíz. A UE debe abrir outras canles para a migración regular e loitar máis eficazmente contra a migración irregular e os criminais que organizan esas travesías mortais aproveitándose do desespero desas persoas.

Hoxe e mañá, os xefes de Estado e de Goberno buscarán medidas preventivas

Xa acordamos con Marrocos unha asociación de mobilidade que senta as bases para este novo enfoque. Gustaríanos facer o mesmo con Túnez, Exipto e outros países do norte de África. Sen dúbida, un compromiso claro de todos os países da UE terá un efecto positivo sobre a posibilidade de negociar acordos dese tipo e sobre os esforzos invertidos para conseguir a estabilidade e a consolidación da democracia en países como Libia.

Así mesmo, a Comisión Europea considera que é necesario un compromiso máis claro dos Estados membros en favor das medidas de reasentamento desenvolvidas en cooperación co Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, co fin de crear canles seguras que permitan acceder a Europa aos que precisan protección internacional.

A UE, e especialmente os países nos que é menor a presión migratoria e dos solicitantes de asilo, deben comprometerse de xeito máis activo no reasentamento desas persoas no seu territorio. Un verdadeiro esforzo europeo, no que todos os Estados membros asuman as súas responsabilidades, pode contribuír sobremanera a evitar que outras persoas poñan a súa vida en mans dos traficantes da morte.

Deberiamos velar por que os refuxiados máis vulnerables, como os nenos, os anciáns e as persoas enfermas, poidan acceder de forma segura á UE. Iso podería facerse en casos específicos a través de visados humanitarios ou dándolles a posibilidade de solicitar asilo nos consulados dos países da UE.

Tras as recentes traxedias, a UE ha de demostrar que é capaz de achegar solucións. Todos os Estados membros expresaron unanimemente a súa vontade de actuar para evitar que catástrofes semellantes poidan producirse no futuro. Todos os Gobernos europeos coincidiron en que isto non pode volver suceder. Confío en que o Consello Europeo encontrará o xeito concreto de levar á práctica esa firme vontade.

Cecilia Malmström é comisaria de Interior na Comisión Europea.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas