GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

(26/07/2013)

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

 
 
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2013.

Calquera palabra é insuficiente para un sentimento que só se pode describir con bágoas. Hoxe, no Día de Galicia, todo o pobo choramos a traxedia que estamos a vivir, choramos as vítimas, choramos o desasosego das familias.

E ese pesar, no nome de Galicia e do seu Goberno, é o que quero trasladar a todas as persoas que máis directamente están a sufrir esta traxedia.

Son consciente de que nin o apoio de gobernos ou partidos políticos, nin o respaldo da Súa Maxestade o Rei e dos Príncipes de Asturias, da Casa Real, nin os milleiros de condolencias que nos teñen chegado nas últimas horas poden aplacar a súa dor pero é a miña obriga transmitirlles que, detrás da súa desesperación, está tamén a proximidade, o sufrimento e a consternación de todo Santiago de Compostela, de toda Galicia, de toda España e de todo o Mundo.

O Consello de Xunta que acaba de ter lugar ven de decretar o maior loito na nosa historia autonómica.

É, sen dúbida, o Consello de Goberno máis duro que ten reunido nunca a Xunta de Galicia. Porque é ao día seguinte dunha traxedia como a sucedida onte e porque, ao mesmo tempo que comparezo ante vostedes, estase a levar a cabo o proceso de identificación das persoas que perderon a vida.

Galicia séntese preto da angustia das familias que agardan. Así llelo transmitín onte e confiamos en que os traballos xudiciais podan seguir avanzando coa maior celeridade pero tamén coa maior seguridade posible. Durante os próximos 7 días, Galicia estará de loito oficial, e, por sempre, máis tristes. Acompañaranos esta dor e a memoria das persoas que perderon a súa vida dun xeito tan tráxico.

Neste momento, 77 persoas –son os datos máis fiables dos que dispoñemos, 77persoas que perderon a súa vida e aínda faltan algúns traballos por rematar-; pero debemos agardar a que as autoridades xudiciais, conforme aos seus protocolos de actuación, confirmen o número e a identidade dos falecidos.

Ao longo desta xornada seguiremos comunicando toda a información que chegue ao gabinete de crise constituído pola Xunta, polo Goberno de España e polo Concello de Santiago que formamos desde o primeiro momento en que tivo lugar este suceso. O Presidente Rajoy, co que estou en comunicación permanente, chegará a Santiago en breves intres.

As traxedias imprimen carácter nos pobos e poñen a proba a valía das súas xentes. O 24 de xullo xa non será a véspera dunha xornada de
celebración, senón a de conmemoración dun dos nosos días máis tristes.

Pero, dicía, as desgrazas tamén examinan a condición humana das persoas que as padecen. E o 24 de xullo de 2013, no que o descarrilamento dun tren se levou por diante a vida e os sonos de tantas persoas, será tamén o día en que os galegos colapsaron os centros habilitados para doar sangue.

O día en que cidadáns anónimos se arroxaron, nos primeiros instantes, ás vías do tren para socorrer aos feridos sen reparar en máis perigos que os que sufrían os seus próximos.

O día en que voluntarios, chegados de diferentes lugares, se desprazaron ata Compostela para acompañar, atender e consolar ás familias, unha tarefa que o Colexio de Psicólogos está tutelando desde os primeiros instantes.

O día en que Galicia se puxo a disposición de Galicia.

E toda España, desde todas as Comunidades Autónomas.

E tamén os nosos veciños de Portugal e de Francia. Quero trasladarlles o agradecemento de Galicia.

E quero, de xeito subliñado, destacar o esforzo e a excepcional resposta do persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde;

tamén dunha excepcional resposta dos efectivos de emerxencia da Comunidade Autónoma: Protección Civil, Bombeiros, integrantes do 112;

e dos membros das forzas de seguridade do Estado: Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil;

Síntome orgulloso do labor de todos eles non só como Presidente senón como galego. Están a dar un exemplo de preparación, de profesionalidade, de implicación e de eficacia que non esqueceremos nunca.

A todos eles debemos vidas.

Ao sentimento de dor que hoxe sufrimos, tamén se une o de agradecemento pola resposta chegada desde todas partes; e o de orgullo pola resposta do pobo galego.

Unha vez máis comprometido; unha vez máis solidario; unha vez máis exemplar.

Non hai maneira máis tráxica de mostrar a grandeza dun pobo e Galicia tena en todas as circunstancias.

Hoxe, Día de Galicia que sempre celebramos, sufrimos unidos.

Descansen en paz.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas