GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Antonio Rodríguez Miranda «Está emigrando máis xente da que está recollida nos rexistros oficiais»

(19/06/2013)

«Está emigrando máis xente da que está recollida nos rexistros oficiais»

Esixe ao Goberno que manteña o servizo consular de Basilea «ante calquera política de axuste»

Autor:
m. cheda
Localidade:
santiago / la voz
Data
19/6/2013

Por «prudencia», Antonio Rodríguez Miranda (Allariz, 1967) elude falar dunha terceira gran vaga de emigrantes a Suíza. Porén, o secretario xeral de Emigración recoñece que mesmo os datos oficiais non reflicten a realidade de todo o fluxo de saídas cara alá que se está a producir.

-Parece que ten cada vez máis traballo en Suíza...

-A ver, si, hai máis traballo, máis xente que se está a mover. Pero este proceso de mobilidade xa ven de hai ano e medio...

-¿Tamén lle vai chamar vostede mobilidade exterior ao feito de emigrar forzosamente?

-Non, non. Non uso o termo como eufemismo. Refírome a que hoxe a facilidade para moverse dentro de Europa é moito maior que noutras épocas. E nós temos unha colectividade que de sempre tivo moitísima presenza en Suíza. Entón, neste momento que sufrimos aquí unha dificultade económica importante, moita xente mira cara ao exterior, onde pode encontrar ese posto de traballo que no territorio nacional non é posible atopar. Basta que nós en países como Alemaña ou Suíza teñamos familiares, amigos, etcétera, o que xera unha rede de contactos que facilita e posibilita a saída, para que a xente saia. ¿Hai unha emigración superior á de hai cinco, seis ou sete anos? Si, evidentemente, é unha realidade. Agora, ¿os números son comparables aos da década dos setenta? Radicalmente, non.

-¿E á dos oitenta? Hai taxistas, por exemplo, que así o aseguran.

-Aí xa entramos no tema da percepción subxectiva. Pero si hai unha problemática engadida neste momento: a facilidade para a mobilidade determina que a xente que circula non teña que deixar constancia necesariamente en ningún tipo de rexistro. Polo tanto, as cifras oficiais de mobilidade son moi baixas, sen cambio significativo respecto de anos anteriores. Pero si somos conscientes de que hai máis xente saíndo da que está recollida nos rexistros oficiais.

 

-Segundo os datos oficiais, en Suíza viven 38.000 galegos, un 8 % máis que no 2009. ¿Cantos pode haber en realidade, logo?

-Non me atrevo a dicir que haxa mil, dous mil ou tres mil máis. Sería peregrino. Pero xa estamos facendo un traballo de seguimento para ver, cos centros galegos e mesmo coas autoridades suízas, a maneira en que podemos cuantificar mellor esa realidade. Nós o que si percibimos de xeito claro, sacado de alí do entorno, é que os galegos van cun contacto predeterminado, que por regra xeral non hai casos de que se metan dúas ou tres persoas nun coche con dous mil euros ou algo máis e vaian á aventura. E iso si ocorre con xente que sae de Estremadura, Murcia, Andalucía ou Valencia.

 

-Porque o galego, sobre emigración, ten aprendido abondo...

-Si. E, sobre todo, ten o contacto feito alí ou a experiencia de ter xa estado alá noutra etapa e ter deixado moi boa impresión como persoas traballadoras e responsables que somos.

 

-Como responsables que son, tamén, os galegos están a protestar polo peche, a partir de setembro, da axencia de Basilea. ¿Comparte a Xunta esa decisión do Goberno central?

-Evidentemente, nós o que entendemos é que a Administración debe tratar de preservar, ante calquera política de axuste, aqueles servizos orientados a prestar unha asistencia aos cidadáns no exterior. Neste caso, a Administración, de momento, ten acordado unha suspensión de servizo, pero a decisión definitiva de como vai quedar a prestación do servizo consular en Basilea aínda non se ten adoptado. O ministerio aínda está a avaliar como se establece ese mecanismo de atención, se pecha a axencia consular, se establece un consulado honorario con prestacións equivalentes...

 

-¿E a Xunta que lle esixe?

-Pedimos que, antes de tomar calquera decisión, considere a poboación que temos alí e que, efectivamente, hai que tratar de seguir prestándolle servizos.

 

-O que pide a conselleira de Estado de Emigración de Xenebra, Isabel Rochat, é que non vaian galegos alí. ¿Que opina?

-Respectamos a súa opinión. Para nós, unha cifra dun 5,5 % de desemprego é un escenario envexable, pero para eles é xa unha porcentaxe elevada. A súa mensaxe debemos tomala coma unha advertencia de que as cousas non sempre son sinxelas cando se cambia de país, e que pode haber moitas dificultades para atopar un posto de traballo, ademais do idioma.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Outubro 2019
LMMeXVSD
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas