GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O embaixador de Uruguai destaca o trato de Carballo cos seus compatriotas

(26/04/2013)

O embaixador de Uruguai destaca o trato de Carballo cos seus compatriotas

Francisco Bustillo foi recibido pola corporación e decenas de paisanos

Hai quen di que Pepe Mujica é o presidente máis humilde do mundo, pero parece que esa característica persoal se estende tamén ao corpo diplomático do seu país. Onte visitaron Carballo o embaixador de Uruguai en España, Francisco Bustillo, e a consulesa en Galicia, Marta Botarche, acompañados por tres traballadores dos seus departamentos. Pero na praza do Concello non estacionou unha berlina cos cristais tintados e chofer, senón un pequeno utilitario que é o vehículo de uso habitual da consulesa.

Esa proximidade continuou despois, durante os saúdos aos numerosos membros da corporación -os grupos nacionalista e popular case en pleno- e á ampla representación da colonia uruguaia en Carballo que acudiu á recepción. Francisco Bustillo, que leva só uns meses no cargo, destacou que xa tivo a ocasión de coñecer a estreita relación que existe entre Carballo e Uruguai. «Comprometinme ao pouco de chegar a España a visitar cada unha das cidades en que houbese uruguaios vivindo, e neste sentido Carballo merécese un lugar de destaque, non só polo cariño enorme que atoparon aquí tantos uruguaios, senón porque a colonia é realmente importante», manifestou.

Nese sentido, o embaixador reiterou o seu agradecemento á boa acollida que recibiron os seus paisanos na comarca. «O único que recibín foron eloxios de Carballo e da consideración que tiveron as autoridades de Carballo con eles. Por iso tiña que cumprir o compromiso de vir aquí e coñecer o fogar de moitos compatriotas, pero tamén -engadiu- para testemuñar o agradecemento do Goberno uruguaio por ese trato que tiveron coa colonia uruguaia».

Precisamente con moitos deses compatriotas reuniuse despois no salón de plenos para darlles conta das novidades lexislativas no país e atender as súas peticións. A máis reiterada, probablemente, foi a regulación do voto exterior.

Unha bandeira máis na alcaldía

 

Na alcaldía había onte unha bandeira máis das habituais. «En honra da parroquia 19», como se referiu Evencio Ferrero a Uruguai, un país no que chegou a haber unha colonia de máis de mil de carballeses. O rexedor mostrouse moi satisfeito da relación entre ambos, e asegurou que o libro Montevideo ao descuberto está sobre a mesa desde que llo regalou Mariano Arana, unha das moitas personalidades uruguaias que visitaron Carballo e que deixaron, como onte Bustillo, a súa firma no Libro de Honra. O embaixador trouxo outro libro, e Ferrero correspondeulle cun carballo de Sargadelos e o desexo de que sexa un «símbolo de amizade».

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas