GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Talento da Costa da Morte na emigración

(23/04/2013)

Talento da Costa da Morte na emigración

 

El gaiteiro Carlos Núñez presentó su nuevo disco en Basilea acompañado por los miembros del grupo tradicional Semente.  

O gaiteiro Carlos Núñez presentou o seu novo disco en Basilea acompañado polos membros do grupo tradicional Semente.

 

O gaiteiro Carlos Núñez está de xira por Europa, presentando o seu novo disco Discover, que viu a luz a finais do ano pasado. Suíza é unha das súas paradas habituais, e en concreto Basilea, unha cidade plena de cultura, que ama a música folk e que organiza festivais de prestixio. Tamén ten un centro galego, Sementeira, que xa alcanza as tres décadas de vida, moi vinculado coa Costa da Morte desde o seu primeiro presidente, o muxián Bautista Pouse Paz, ata o actual, Ramón Carreira Collazo, natural da parroquia carballesa de Oza. ¿E que ten que ver o un co outro? Pois que o soado músico, no seu concerto celebrado no Volkhaus basileano, axudouse de intérpretes do grupo tradicional Semente e, xa que logo, da comarca. En concreto, sobre o escenario estiveron Tania e Yessica Martínez, irmás e responsables da agrupación, ademais de pandereteiras. Carlos Núñez tocou acompañado por doce gaiteiros. Polo menos un deles, de 12 anos, é fillo dun emigrante de Braño (Carantoña), que tamén forma parte do núcleo duro de Sementeira, e antes do Consello de Residentes Españois. En Sementeira hai socios de toda Galicia, e cada vez máis (conta Ramón Carreira que seguen chegando, sobre todo agora que se abre a tempada da construción), pero os de Bergantiños e arredores manteñen o seu peso específico. Ocorre en xeral en todos os centros galegos suízos. Por citar unha das novidades, a presidencia do de Zug estaba en mans dun malpicán e hai pouco pasou a un cercedense.

 

Un dos que regresan de novo a Suíza é o carballés José Manuel Fernández Fraga, Carballás, vogal na xunta directiva da asociación Santa María de Traba (Coristanco). «Marcha de novo, pero deixamoslle moi claro que lle gardamos a praza», explicaba onte o secretario da entidade, Juan Carlos Villar Angeriz.

 

Carballás marchouse a traballar a Suíza sendo un rapaz e regresou a Coristanco hai xa 25 anos. Xamais pensou en volver emigrar, pero a vida, xa se sabe, dá moitas voltas, e José Manuel volveu a facer as maletas. Regresa a Suíza, á mesma empresa e ao mesmo posto que deixou fai cinco lustros. «Hai que buscarse as fabas de cara á xubilación», contaba Juan Carlos Villar, que, como os seus compañeiros da asociación, vai botar moito de menos ao responsable de coordinar as actividades da entidade e tamén tesoureiro suplente.

Para desexarlle moi boa sorte na súa nova andaina suíza, organizáronlle unha merenda sorpresa repleta, contan, de «anécdotas e risos». E tamén de agasallos, desde o máis «serio», un bolígrafo gravado, que lle entregou o presidente da asociación, José Antonio Facal Paredes, ata os máis divertidos, como o chapeu e a servilleta que loce na fotografía. O primeiro, para non esquecer xamais que ten que regresar a España, o segundo para recordar sempre como se fai o caldo galego.

 

Música

José Manuel non é o único que fixo as maletas para buscarse as habichuelas lonxe de casa e cada vez son máis os mozos que se soben ao tren da emigración. É o caso de Pedro Caxade, compositor e cantante, moi ligado á comarca de Bergantiños. «O meu pai traballou durante moitos anos en Calvo e eu pasei moitísimos veráns en Laxe, como monitor nos campamentos da Cruz Vermella», conta desde Londres, onde reside desde hai dous anos e onde acaba de lanzar un sinxelo titulado O emigrante e no que resume a historia de moitos mozos. «Aínda que son un emigrante, teño a vida por diante, e estou a vivir ao instante, non teño medo a loitar», di no refrán desta optimista canción con ritmo reggae. «Cada vez aterran máis galegos en Londres buscando un futuro», asegura Pedro, que elixiu o seu apelido como nome artístico. «No emigrante tratei de plasmar o cambio xeracional que houbo na emigración e quixen facelo con optimismo, con bo rolo, dicindo que aínda que esteamos a emigrar temos máis formación e máis capacidade para enfrontarnos ao mundo», explica Caxade, quen recoñece que os comezos fóra de casa nunca son fáciles, «pero aos poucos todo se vai asentando».

 

 

Pronto iniciará unha xira que confía en que tamén lle traia á Costa da Morte. «Amo Galicia con todo o meu corazón e confío en volver á miña terra, pero tamén desexo que a emigración se converta nunha plataforma para que os españois nos internacionalicemos. Debemos aproveitar para que fose vexan o talento que temos», di.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas