GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda inicia a súa primeira viaxe a Estados Unidos, onde se achegará ás comunidades galegas alí residentes, e contactará con axentes económicos para a proxección exterior de Galicia

(22/03/2013)

Miranda inicia a súa primeira viaxe a Estados Unidos, onde se achegará ás comunidades galegas alí residentes, e contactará con axentes económicos para a proxección exterior de Galicia

 
  • O secretario xeral da Emigración visitará Nova York e Newark no norte, e Miami no Estado da Florida.
  • O mandatario achégase despois á diáspora galega en Cuba, onde residen máis de 27.000 galegos e galegas.
 
Miranda inicia a súa primeira viaxe a Estados Unidos, onde se achegará ás comuni
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia a súa primeira visita institucional aos Estados Unidos, onde coñecerá algúns dos principais enclaves onde se asenta a colonia galega na primeira potencia mundial, e intensificará as relacións bilaterais no ámbito empresarial, co gallo de dar pulo á proxección exterior da economía galega.

Así, o máximo mandatario autonómico en materia de Emigración comeza mañá [venres] a súa xira de contactos cunha entrevista con empresarios galegos e galegas que teñen desenvolvido iniciativas de éxito na localidade veciña de Newark. Xa a primeira hora da tarde visitará o Centro Orensano Social Club, nesta mesma cidade, onde manterá unha reunión coa xunta directiva. Posteriormente, Miranda cursará visita tamén á sede da Peña Galega do Club España de Newark, para finalizar a súa xornada de volta en Queens, Nova York, na Unidad Gallega de los Estados Unidos.

Ao longo desta primeira xornada, o secretario xeral da Emigración solicitará a colaboración de tódolos galegos e galegas para que actúen como embaixadores e embaixadoras da Galicia territorial ante o forte e dinámico tecido empresarial neoiorquino. Asemade, Miranda insistirá na mensaxe da necesaria unidade dos galegos e galegas na diáspora para fortalecer as entidades galegas no Exterior, e dotalas da maior solvencia e garantía de futuro posibles, coa finalidade de que a chama da Galeguidade permaneza viva alí onde prendeu, e nomeadamente na principal cidade do mundo.

En Miami
O sábado, segunda xornada da viaxe, Miranda achegarase ata Miami, onde en primeiro lugar visitará a Casa de Santa Marta de Ortigueira na capital da Florida, un dos enclaves máis senlleiros da diáspora galega no sur dos Estados Unidos. Tamén se entrevistará co presidente do Centro Gallego de La Florida.

En Miami terá ademais un encontro de marcado carácter institucional, para o fomento das relacións de intercambio a ambas beiras do Atlántico, coa asociación do empresariado “Galegos Forever”, unha entidade que aglutina a un importante número de emprendedoras e emprendedores galegos afincados na Florida, e que reivindica as súas raíces e ligazóns coa Galicia territorial.

Estes contactos coas entidades representativas do empresariado galego nos Estados Unidos, así como con axentes concretos no eido da posible internacionalización da economía galega, son un exercicio de continuidade do labor encetado desde hai anos pola Secretaría Xeral da Emigración na busca de novas e novos investidores para Galicia, e tamén de nichos de mercado para as e os emprendedores galegos. Galicia ofrece nos últimos tempos unha solvencia e estabilidade económica e xurídica, no ámbito dos intercambios comerciais, que pode supoñer un importante pulo para a interacción a ambos lados do Atlántico.

Despois, a Cuba
A segunda parte desta nova viaxe do secretario xeral levarao ata La Habana, onde Miranda aterrará o domingo ao mediodía. Alí entrevistarase en primeiro lugar co presidente da Federación de Sociedades Gallegas de Cuba, e despois visitará o Centro Gallego da capital, un lugar de especial relevancia simbólica para a diáspora galega, onde manterá un breve encontro coa colectividade galega residente na capital caribeña. Previamente, terá lugar unha xuntanza coas e cos presidentes e sociedades galegas con presenza na Habana

Xa a última hora da tarde, achegarase ata outra dúas asociacións con importante tradición, a Sociedad La Aurora de Somozas, e a Monterroso y Antas de Ulla Sociedad de Protección y Recreo. Na última xornada da viaxe, luns 18, o secretario xeral da Emigración acudirá ao Asilo San Francisco de Paula. Despois, entrevistarase co director para Europa do Ministerio de Relacións Exteriores da República de Cuba, Elio Eduardo Rodríguez, no seu despacho ministerial.

Miranda continuará a súa andaina no cemiterio habaneiro de Colón, onde terá lugar unha ofrenda floral no Panteón dos Naturais de Galicia, acto aberto a toda a colectividade galega na cidade. E xa para finalizar, o mandatario galego departirá coas socias e socios da Sociedade Cultural Rosalía de Castro, xusto antes de coller o avión de regreso.

En tódolos seus encontros coa diáspora, Miranda insistirá na necesidade de fortalecer a unión da colectividade galega en Cuba a través da Federación, órgano de representación de todas elas, e de fornecer a integración das distintas sociedades parroquiais.

Continuidade na xestión
Asemade, o secretario xeral da Emigración transmitirá a mensaxe de continuidade para as políticas do departamento que dirixe en materia socio asistencial, tal e como se veu facendo nos últimos anos. Cómpre lembrar que para o colectivo de galegas e galegos emigrados en Cuba, como para o resto das e dos integrantes da diáspora, desde hai anos dase estabilidade aos programas de axuda coa finalidade de que a contención do gasto público non afecte en absoluto ás e aos que necesitan da solidariedade de todos e todas.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Agosto 2019
LMMeXVSD
   1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031 
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas