GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O proxecto "As Escolas da Emigración" trata de recuperar o legado educativo da emigración galega

(20/03/2013)

O proxecto "As Escolas da Emigración" trata de recuperar o legado educativo da emigración galega

 
  • Foi desenvolvido polo Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.
  • O proxecto catalogou 318 escolas en Galicia froito das aportacións e a iniciativa de particulares e sociedades de instrución integradas por emigrantes galegos e galegas en América.
  • Está accesible a través da web http://mapas.consellodacultura.org/escolas/
 
 
 
  • Entrega de premios na escola de Antas de Ulla, creada pola sociedade instrutiva Chantada y su partido, 1920.
    Entrega de premios na escola de Antas de Ulla, creada pola sociedade instrutiva Chantada y su partido, 1920.
  • Alumnos e alumnas nunha clase de ximnasia, no exterior da escola da Ramallosa, doada por Manuel L. Lemos, 1923.
    Alumnos e alumnas nunha clase de ximnasia, no exterior da escola da Ramallosa, doada por Manuel L. Lemos, 1923.
  • Alumnos da escola «La Antorcha» de Cristiñade, en Ponteareas, no día da Festa da Raza, 1922.
    Alumnos da escola «La Antorcha» de Cristiñade, en Ponteareas, no día da Festa da Raza, 1922.
  • Interior da antiga escola de Burela nunha clase coa mestra e as alumnas.
    Interior da antiga escola de Burela nunha clase coa mestra e as alumnas.
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2013.

O envío de remesas desde a emigración tivo unha grande importancia para a mellora das condicións de vida e para a modernización da economía galega, e tamén propiciou unha maior permeabilidade ás ideas procedentes do exterior.

A saída cara a América de milleiros e milleiros de galegos e galegas, moitas veces con carácter definitivo, provocou en numerosos casos un profundo sentimento de compromiso e solidariedade coa súa terra de orixe, non só no plano familiar, mais tamén coa veciñanza.

Un dos destinos destas remesas, o que deixou maior pegada no desenvolvemento da sociedade e da cultura galegas, concretouse na esfera educativa. Tivo como beneficiarias e beneficiarios directos aos seus veciños e veciñas, xa que contribuíron a configurar a primeira rede escolar galega.

Esta intervención no proceso de equipamento de escolas en case toda Galicia debeuse en boa medida a unha situación de graves deficiencias. Moitos e moitas emigrantes sentíronse solidarios coa eiva educativa que existía en Galicia. Este foi o xermolo do envío de remesas para a creación de escolas instrutivas experimentadas polas propias persoas emigrantes, que con frecuencia padecían un alto grao de analfabetismo. Cando chegaban a América atopábanse nunha situación de clara inferioridade no mercado laboral pola súa escasa cualificación académica e profesional, e víanse obrigadas a aceptar os traballos máis ingratos, penosos e peor pagados. A súa experiencia americana levounos a concienciarse de que a educación era fundamental para conseguir mellorar a súa condición no país de acollida. O ensino converteuse así nun vehículo rexenerador e nun resorte de transformación social.

Dúas modalidades de iniciativa: as persoas particulares e as sociedades de instrución
A intervención escolar das e dos ausentes realizouse en dúas modalidades: de modo individual e de modo colectivo. A modalidade individual comezou a agromar xa no primeiro período da emigración americana, na aurora do século XVII. Os seus promotores foron as e os filántropos indianos, que fixeron achegas económicas en forma de doazóns ou legados testamentarios moi variados,  que abranguían desde pequenas cantidades para contribuiren ao fornecemento de escolas ou bibliotecas até importantes cantidades para a construción e o mantemento de varios centros educativos.

A modalidade de carácter colectivo alentárona as sociedades de instrución que se foron creando en América desde comezos do século XX. As devanditas sociedades custearon a implantación, dotación e financiamento das chamadas «escolas de americanos», que representaban unha alternativa complementaria e renovadora á rede oficial de establecementos públicos de ensino. Na súa maioría eran escolas laicas, gratuítas, con programas de estudos modernos e mesmo ás veces con certa orientación técnica, inspirados nos existentes nas repúblicas americanas de acollida.

As modalidades de intervención escolar auspiciadas polos e polas emigrantes foron ben diversas: desde a construción de edificios de nova feitura ou o arrendamento de locais, até o envío de doazóns ocasionais para a mellora das infraestruturas ou dos útiles e materiais da escola. As iniciativas escolares viñeron da man de particulares e das sociedades de instrución, que vían  o ensino como unha ferramenta para mellorar o futuro das novas xeracións. As novas escolas xestionábanas, moitas veces, delegacións locais nomeadas polas entidades centrais de América, que se ocupaban de todos os aspectos do seu funcionamento. Mais tamén houbo casos en que se entregaron as escolas aos municipios, unha vez que se construíron e se forneceron das infraestruturas adecuadas.

No que atinxe ao aspecto arquitectónico, para o deseño dos edificios seguíronse criterios de funcionalidade e hixiene, procurando a calidade dos materiais e tratando de responder dunha maneira máis acaída ás necesidades pedagóxicas da actividade escolar. As escolas tiñan que contar con espazos para o recreo, a práctica dos deportes ou campos de experimentación agrícola.  Moitas delas, ademais, dispoñían de vivenda para os mestres e mestras. Houbo unha preocupación clara por equipar estes centros de mobiliario e material educativo adecuado, instrumental científico, biblioteca, obradoiros, museos, etc.; isto é, recursos pedagóxicos pouco comúns nos espazos escolares do seu tempo. Con certa frecuencia mesmo este material era enviado desde América.

As accións das sociedades de instrución  funcionaron como resorte fundamental para a expansión da rede educativa pola Galicia rural e como axente modernizador das aldeas e parroquias destinatarias.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas