GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Miranda reúnese en Bos Aires cos presidentes do Centro Galicia e do Centro Gallego, representantes de máis de 30.000 emigrantes

(12/03/2013)

Miranda reúnese en Bos Aires cos presidentes do Centro Galicia e do Centro Gallego, representantes de máis de 30.000 emigrantes

 
  • No primeiro caso, trátase dunha entidade que nace en 1979 como resultado da unión doutras tres asociacións.
  • Mercé a esta primeira viaxe institucional a Latinoamérica, Miranda puido coñecer de primeira man a situación da diáspora galega en Arxentina e Uruguai, e formalizar a sinatura de catro convenios de asistencia social e sanitaria á comunidade galega alí residente.
 
Xunta de Galicia - Secretaría Xeral da Emigración
Santiago de Compostela / Bos Aires, 11 de marzo de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, conclúe este luns a súa primeira viaxe institucional ás repúblicas do Uruguai e da Arxentina con respectivas reunións co presidentes do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila, e a do Centro Gallego de Buenos Aires, Cultura, Mutualidad y Acción Social, Marta Donsión.

Esta primeira viaxe do máximo mandatario da Xunta en materia de Emigración a Arxentina e Uruguai serviu para que coñecese de primeira man as necesidades e inquedanzas de galegas e galegos emigrados a ambas repúblicas, e para manter reunións cos e coas representantes das institucións máis senlleiras da diáspora, así como para coñecer en vivo as instalacións físicas e o importante legado cultural, histórico e artístico que atesouran algunhas desas institucións.

Na actualidade, máis do 40 por cento dos galegos e galegas do Exterior residen na Arxentina ou no Uruguai. Así, e segundo os últimos datos oficiais do PERE (Padrón Español de Residentes no Estranxeiro), hai 152.875 persoas galegas na República Arxentina, o que supón o 34’34% do total de galegos e galegas do Exterior (445.182). Pola súa banda, na República Oriental do Uruguai habitan 38.930 galegas e galegos, o 8’74% do total de persoas galegas que moran fóra da Galicia territorial.

O periplo de Miranda, quen en dúas das xornadas compartiu tarefa co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, serviu tamén para asinar cadanseu convenio co Hogar Gallego de Ancianos de Buenos Aires, co Centro Gallego del Mar del Plata, co Hogar Español de Montevideo, e coa Casa de Galicia de Montevideo. Estes catro convenios van destinados a accións sociais e sanitarias para paliar as condicións de emigrantes en situación máis desfavorecida, e para cofinanciamento de prazas en residencias de asistencia a maiores.

Na última xornada
Miranda aproveitou as últimas horas na Arxentina para entrevistarse cos presidentes do Centro Galicia e o Centro Gallego de Bos Aires. No caso do Centro Galicia, trátase dunha institución que nace no ano 1979, como froito da unión de varias entidades xa existentes, coa finalidade de agrupar a tódolos galegos e galegas en Bos Aires na difusión da arte, a cultura e mesmo o deporte: as e os rexedores do Centro souberon utiliza-lo deporte coma vehículo de unión e de integración da diáspora. O Centro agrupa a máis de dez mil persoas asociadas, das que aproximadamente a metade son galegas e galegos. No ano 2005, concedéuselle a Medalla de Galicia, na categoría de prata, ao Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, que forma parte do Centro Galicia.

No que atinxe ao Centro Gallego, a súa fundación data do ano 1907, cando un grupo de emigrantes decidiron unirse para crear unha institución que brindara protección médica e social. Os seus asociados e asociadas son atendidos no seu complexo sanitario de Belgrano, e a área cultural desenvólvese esencialmente a través do seu Instituto Argentino de Cultura Gallega. En materia de acción social préstase asistencia de emerxencia a socios e socias sen recursos económicos, e funciona un servizo de axuda económica mutualizada. O Centro Gallego de Bos Aires foi galardoado coa Medalla de Galicia de ouro en 1990. Dos máis de vinte mil socios e socias cos que conta, calcúlase que preto do 30% son galegas e galegos.

Outros países
Unha vez rematada esta primeira andaina institucional por terras sudamericanas, a intención do secretario xeral da Emigración é voar de novo ao continente nas vindeiras semanas, con destino a Estados Unidos e Cuba. Miranda tamén ten intención de visitar, antes do verán, Brasil e México, e completar o abano dos países latinoamericanos con colonias estatisticamente significativas de galegas e galegos emigrados desprazándose en canto sexa apropiado a Venezuela, se ben este destino está loxicamente condicionado polo devir institucional na República Bolivariana.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas