GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta e a Embaixada española analizan as oportunidades que ofrece a visita do presidente uruguaio a Galicia

(11/03/2013)

A Xunta e a Embaixada española analizan as oportunidades que ofrece a visita do presidente uruguaio a Galicia

 
  • A Xunta e a Embaixada española analizan as oportunidades que ofrece a visita do presidente uruguaio a Galicia.
  • Rueda e o secretario xeral da Emigración visitaron a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, que celebra este ano o seu 160 aniversario.
  • A Xunta asinou convenios de colaboración co Hogar Español e coa Casa Galicia, que teñen un papel clave de sustento social e sanitario para os emigrantes galegos e galegas.
  • Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda con Roberto Varela, embaixador de España en Uruguai.
    Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda con Roberto Varela, embaixador de España en Uruguai.
  • Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda na Asociación Española Primera de Socorros Mutuos.
    Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda na Asociación Española Primera de Socorros Mutuos.
Montevideo, 9 de marzo de 2013.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron hoxe unha reunión de traballo con embaixador español en Uruguai, Roberto Varela, co que analizaron a vindeira visita a Galicia do presidente da República Oriental do Uruguai, José Mujica, e as oportunidades que representa para a Comunidade Autónoma.

Precisamente as posibilidades de desenvolvemento dos intercambios comerciais será un dos eixes centrais da visita de Mujica a Galicia, que terá lugar a comezos do mes de xuño e na que se reunirá co empresariado galego e co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen xa mantivera un encontro co mandatario uruguaio en Montevideo o pasado ano.

O vicepresidente da Xunta e o embaixador destacaron na súa reunión a importancia desta visita para reforzar os vínculos entre Uruguai e Galicia e abordaron a necesidade de preparar minuciosamente a axenda e as e os asistentes da visita para sacarlle o maior partido posible para ambas partes. Entre outros asuntos que estarán na axenda do presidente uruguaio en Galicia atópase a colaboración en materia de construción naval e enerxía eólica.

Por outra banda, o conselleiro tamén abordou co embaixador español a situación da numerosa diáspora galega en Uruguai, xa que hai preto de 40.000 persoas galegas neste país suramericano -un deles o propio embaixador- e conta con numerosos centros e asociacións que aglutinan á colectividade galega.

Reunións coa colectividade
Precisamente, antes de reunirse con embaixador, Rueda e Miranda visitaron a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, que este ano celebra o seu 160 aniversario. Trátase da institución hospitalaria privada máis importante de Uruguai, funciona como unha mutua e conta con case 25.000 socios e socias galegos. A Xunta vén mantendo unha colaboración coa institución para financiar a aquelas e aqueles mutualistas galegos que se atopen en situacións de carencia, con criterios como a súa idade e situación económica.

Nese sentido, tamén hoxe o vicepresidente do Goberno galego e o secretario xeral de Emigración teñen previsto asinar na delegación da Xunta dous convenios co Hogar Español e coa Casa de Galicia, entidades que realizan un meritorio e insubstituíble papel de sustento social e sanitario para os galegos e galegas emigrantes que peor o están a pasar e que non poden valerse por si mesmos.

Finalmente, para rematar o periplo uruguaio, Rueda e Miranda visitarán o Centro Social, Cultural e Deportivo Val Miñor, onde manterán un encontro coa colectividade galega antes de regresar a Arxentina, onde mañá visitarán o Centro Galego de Mar del Plata e participarán nun almorzo romaría coa diáspora galega desta localidade.

Unión para ser máis fortes
Ao longo da súa viaxe, os mandatarios galegos aproveitan para enviar unha mensaxe fundamental ás comunidades galegas no Exterior: a necesidade de unirse para garantir a racionalización e a optimización no uso dos recursos, tanto públicos como das propias entidades. Asemade, a Xunta quere poñer tamén énfase na idea de reforzar e aumentar a carteira de servizos daquelas que gozan dunha posición mais solvente. Na unión, e na especialización, das entidades, tal e como se ten demostrado noutros enclaves con importante colonia galega, está o futuro da Galeguidade espallada por todo o mundo.

Asemade, vicepresidente e secretario xeral invitan ás directivas a dar aínda máis voz e protagonismo á muller e á mocidade. Trátase de dous piares fundamentais da Galeguidade no pasado e no presente, pero que non sempre gozan da representación que merecen, aínda que nestes dous países existen entidades cunha alta presenza feminina e tamén xuvenil.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas