GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Alfonso Rueda e Rodríguez Miranda inician unha viaxe institucional a Arxentina e Uruguai, países nos que residen case douscentos mil galegos e galegas

(08/03/2013)

Alfonso Rueda e Rodríguez Miranda inician unha viaxe institucional a Arxentina e Uruguai, países nos que residen case douscentos mil galegos e galegas

 
  • A unión de entidades para a racionalización e optimización no uso dos recursos, e a especialización das máis solventes, son algunhas das mensaxes que a Xunta quere transmitir á diáspora dos dous países.
  • O reforzamento do papel da muller, e da mocidade, nas entidades galegas do Exterior, e tamén a busca de novos investimentos e nichos de negocio para a economía galega, serán outros eixos fundamentais do discurso do vicepresidente e do secretario xeral.
  • Deica o martes, visitarán unha decena de comunidades galegas de Montevideo, Bos Aires, e Mar del Plata.
 
Alfonso Rueda e Rodríguez Miranda inician unha viaxe institucional a Arxentina e
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2013. O vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e mailo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comezan unha viaxe ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, para achegarse a coñecer as necesidades da diáspora galega nos dous países, coa participación directa das e dos representantes diplomáticos españois alí desprazados.

Así, os altos mandatarios do Goberno galego terán oportunidade de visitar algunhas das moitas entidades galegas con presenza en Bos Aires e Mar del Plata (na Arxentina) e Montevideo (Uruguai), e tamén de manter reunións con representantes de ambas embaixadas.

Nas entidades galegas, Rueda e Miranda lembrarán a mensaxe que quere enviar, de maneira prioritaria, o Executivo galego ás comunidades galegas no Exterior: a necesidade de unirse para garantir a racionalización e a optimización no uso dos recursos, tanto públicos como das propias entidades. Asemade, a Xunta quere poñer tamén énfase na idea de reforzar e aumentar a carteira de servizos daquelas que gozan dunha posición mais solvente. Na unión, e na especialización, das entidades, tal e como se ten demostrado noutros enclaves con importante colonia galega, está o futuro da Galeguidade espallada por todo o mundo.

Asemade, vicepresidente e secretario xeral invitarán ás directivas a dar aínda máis voz e protagonismo á muller e á mocidade. Trátase de dous piares fundamentais da Galeguidade no pasado e no presente, pero que non sempre gozan da representación que merecen, aínda que nestes dous países existen entidades cunha alta presenza feminina e tamén xuvenil.

Busca de investimentos
Finalmente, pero non menos importante, Rueda e Miranda lembrarán o papel de embaixador nato da súa terra que ostenta cada galego ou galega emigrados, apelando a ese carácter para solicitar a súa colaboración na procura de novos mercados, novos investimentos, e novas alianzas estratéxicas para as empresas galegas nos dous países, e das empresas destes dous países coa Galicia territorial.

Nese sentido, cómpre lembrar que Galicia presenta para os investimentos que poden realizar as e os industriais e empresariado suramericano unhas condicións legais e garantías xurídicas maiores que noutros lugares do mundo, coas vantaxes engadidas da cultura e linguas comúns, e unha historia de permanentes e intensas relacións comerciais trufadas de movementos migratorios nun e noutro sentido.

Xoves e venres
Xa hoxe [xoves] comeza a andaina por algúns centros galegos, pero unicamente do secretario xeral da Emigración, a quen se lle unirá o vicepresidente mañá [venres]. Concretamente, Miranda cursará visita en primeiro lugar ao Hogar Español de Montevideo (que, malia o seu nome, agrupa fundamentalmente a emigrantes galegos e galegas) e ao Centro Social e Cultural Bergantiños. Xa á primeira hora da tarde, terá oportunidade de coñecer en vivo o Centro Gallego, e posteriormente a Casa Galicia.

O venres, xa coa presenza de Alfonso Rueda, a expedición galega formalizará na delegación da Xunta en Bos Aires un convenio de colaboración co Hogar Gallego de Ancianos, e pola tarde visitará Ribadumia Casa Gallega de Cultura. Ese día aproveitarán para diversos contactos institucionais con persoas mandatarias da Embaixada española na República Arxentina

Fin de semana
Na xornada do sábado, e de volta en Montevideo, vicepresidente e secretario xeral visitarán a Asociación Española Primera de Socorros Mútuos, e asinarán despois na Delegación da Xunta en Uruguai respectivos convenios co Hogar Español e maila Casa de Galicia, entidades que realizan naquel país un meritorio e insubstituíble papel de sustento social e sanitario para os galegos e galegas emigrantes que peor o están a pasar e que, pola súa avanzada idade ou outros atrancos, xa non se poden valer por si mesmos. Xa a última hora da tarde procederán a cursar visita ao Centro Social, Cultural e Deportivo Val Miñor.

Os dous altos mandatarios galegos aproveitarán a súa estadía en Uruguai para entrevistarse co embaixador español naquela república, con quen planificarán a viaxe e axenda de asuntos a tratar na visita oficial que o presidente uruguaio José Mujica realizará a Galicia o vindeiro mes de xuño, segundo se confirmou onte mesmo.

O domingo, a expedición galega viaxa ata Mar del Plata, de novo na Arxentina, onde visitará a sede do Centro Galego da localidade, e despois as súas instalacións de recreo, que serán oficialmente inauguradas polo vicepresidente Alfonso Rueda. De seguido, terá lugar un xa tradicional xantar romaría que reúne cada ano a boa parte dos milleiros de galegas e galegos emigrados á zona. A viaxe remata neste punto para o vicepresidente, pero o secretario xeral da Emigración aínda ficará en Bos Aires media xornada máis do luns, para visitar o Centro Galicia.

Destinos destacados
Arxentina e Uruguai son dous dos países con maior número de emigrantes galegos e galegas no mundo, sendo os destinos prioritarios da diáspora galega na primeira metade do pasado século XX. A este feito débese que unha porcentaxe non baixa de cidadáns e cidadás que posúen a nacionalidade española en ambas repúblicas son, en realidade, galegas e galegos denominados “de segunda xeración”, é dicir, que xa naceron naqueles países, pero que conservan intactas as súas ligazóns familiares e persoais coa outra beira do Atlántico. De feito, algúns símbolos e tradicións galegos son tan ou máis coñecidos na diáspora de Arxentina e Uruguai ca entre os habitantes da Galicia territorial.

Esta forte ligazón coa terra natal, ou coa terra natal dos pais, é a lóxica herdanza derivada da vitalidade e importancia histórica da colectividade galega nos dous países. Unha boa parte da intelectualidade activa de Galicia durante todo o século XX tivo fortes vínculos con, ou mesmo residiu en, Uruguai ou Arxentina. Baste lembrar que o pai do galeguismo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, deixounos para sempre nunha habitación, na que aínda se lle rende homenaxe, do hospital do Centro Gallego de Bos Aires.

Na actualidade, máis do 40 por cento dos galegos e galegas do Exterior residen na Arxentina ou no Uruguai. Así, e segundo os últimos datos oficiais do PERE (Padrón Español de Residentes no Estranxeiro), hai 152.875 galegos na República Arxentina, o que supón o 34’34% do total de galegos do Exterior (445.182). Pola súa banda, na República Oriental do Uruguai habitan 38.930 galegas e galegos, o 8’74% do total de galegos e galegas que moran fóra da Galicia territorial.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas