-Nesta Galicia de Feijoo a xente volve coller a maleta. Triste...
-Esa cuestión hai que matizala. Non podemos valorar que hoxe unha persoa con perfil académico saia de Galicia do mesmo xeito que o facía hai 50, 60, 80 anos. Neste momento a economía está globalizada e é bastante usual que a xente, terminados os seus estudos universitarios, vaia facer especializacións fóra e mesmo quede alí ou logo retorne libremente.
-¡Vaia! Así que a emigración é toda buscada...
-En absoluto. É certo que a crise económica, neste momento, seguramente empurrou a moitas persoas a deixar Galicia.
-Na nova Lei da Galeguidade, a Xunta expresa temor a que «a medio e curto prazo» desaparezan «numerosos» centros galegos no exterior. ¿Cantos?
-Precisar unha cifra, como un prazo, é imposible. Se non se fixera absolutamente nada para evitalo, ao mellor podiamos estar falando dun 20 %.
-Uns cen, xa que logo.
-Podería, pero é unha estimación a 5, 10, 15 anos sobre unha evolución que queremos atallar.
-Queren, entre outras formas, apostando polas fusións.
-É un dos camiños, si, en ámbitos reducidos onde coexisten centros que ven como a súa base vai baixando e envellecendo.
-¿E como incentivar as unións?
-A todas as entidades que camiñen cara procesos de fusión ímolas axudar cubrindo os gastos formais da unión e priorizándoas no reparto de recursos.
-Por esa voluntariedade, ¿non pode pasar un pouco o que ocorreu coas fusións de concellos, que cadrou, saíu a de Oza e Cesuras, e para de contar?
-Pódolle dicir que neste momentos estamos traballando xa en procesos de unión en Cataluña, Alemaña, Cuba, Arxentina...
-No extremo contrario, a lei fala tamén de fomentar a apertura de centros en lugares onde non existan. ¿Onde exactamente?
-Neste momento, quizais, ese non sexa o aspecto prioritario.
-É dicir, nin idea...
-O fundamental agora é traballar por garantir o existente, aínda que estamos abertos a que en moitos países de todo o planeta xurdan comunidades de galegos.
-¿Chegará un momento en que os emigrantes galegos decidan unhas eleccións autonómicas?
-Todos os galegos poden decidir xa unhas eleccións. E os emigrantes, co seu dereito, tamén.
-Xa, pero non o exercen...
-Porque teñen limitacións. A última reforma da lei electoral, quizais non moi acertada, dificulta moito a posibilidade de exercer o voto. A nosa posición, e a do Parlamento, é tratar de camiñar cara un sufraxio para os emigrantes galegos, sempre con absoluta garantía de transparencia, nas mesmas condicións que as dun cidadán en Galicia, que pode pedir o voto por correo ou acudir a unha urna e depositalo.
-¿De verdade veremos aos emigrantes votando en urna?
-Si, verémolos facéndoo. Estou convencido de que si.
-¿E cando?
-É o momento de pensar xa que algún cambio hai que facer.
-O sábado pasouno recorrendo Suíza, visitando centros galegos. Non se cruzaría con Bárcenas...
-Non, cruceime con moitos galegos honrados que durante moitísimo tempo, e aínda hoxe, trasladan ao noso país boa parte dos recursos que gañan alí con moito traballo.
-En que bo momento zafou vostede da portavocía do PPdeG...
-Exercer de portavoz nunca é fácil, aínda que agora a situación si é certo que se puxo un pouquiño máis convulsa.
-¿No PP hai tanta corrupción como se di ou só o parece?
-No PP, como en todos os partidos, hai moitísima xente que traballa polo servizo aos cidadáns de xeito desinteresado, outros que o fan profesionalmente... A excepción son estes casos que estamos coñecendo. Se son certos, porque quizais nos esteamos esquecendo tamén da presunción de inocencia...
-¡Arrea! ¿Pídea para Bárcenas?
-Para calquera persoa inmersa nun proceso de tipo xudicial en tanto non haxa unha condena.
-Inmerso nunha cousa desas que di anda Baltar pai tamén. ¿Como o ve? ¿Cae desta volta?
-En Ourense, determinados partidos levan anos facendo anuncios altisonantes ao respecto da Deputación e non houbo aínda un pronunciamento xudicial. Esperemos a el.
-¿Vai ir ao congreso provincial de reelección do fillo ou buscou un viaxiño para esas datas?
-Anuleino precisamente. Irei.