GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Costa da Morte. A emigración a Canarias é xa unha sombra do que foi

(09/01/2013)

A emigración a Canarias é xa unha sombra do que foi

Os veciños que resisten fano sobre todo polos vínculos familiares

Desde finais dos noventa, o destino que marcou a Costa da Morte foi Canarias, sobre todo as illas de Lanzarote e Forteventura. Durante anos, as chegadas foron graduadas, e no 2003 alcanzouse o cénit, con centenares de veciños da comarca, probablemente máis de mil (nunca houbo datos oficiais moi exactos, máis aló dos facilitados nos concellos) fincados en municipios majoreros entón moi prósperos. Familias enteiras probaron fortuna nesas terras máis cálidas, abriron bares e outros comercios, e bautizaron aos seus fillos con nomes canarios que hoxe comparten aulas, xa de volta, cos veciños de toda a vida.

Pouco queda daquela riqueza. Moitos dos que aínda resisten botaron raíces familiares, manteñen un traballo, e así é complicado volver, no caso de que quixesen facelo. Hai quen se vai directamente a Suíza.

María José Señarís Pereiro (38 anos, 15 na illa), de Viladabade-Tordoia, casada cun veciño de Sofán, explica que o cambio neste tempo nótase «unha barbaridade». Nada que ver. «Antes escollías traballos, se non che gustaba un, marchabas e tiñas outro», recorda. Agora hai que estar ao que hai, e algunhas empresas pagan o soldo base e non conceden vacacións, por exemplo. «Isto lémbrame moito a cando nós chegamos, está difícil de novo», conta. Na época de bonanza, non se miraban os prezos á hora de comprar, e agora é o primeiro. María traballou hai tempo nun concesionario e recorda que había quen acudía a comprar un «cos millóns no peto». Tamén viu ascensos fulgurantes de xente da construción que en Galicia tiñan formación escasa e en pouco tempo íalles moi ben.

Manuel Morgade Pallas, (51 anos), de Carballo (o mesmo que a súa muller), é tamén veterano, xa que leva en Forteventura 16 anos. No seu caso, afastado dos sectores habituais, xa que é cámara da televisión canaria. Grazas ao seu posto, naqueles anos do bum, viu casos de galegos en barracóns, preto das obras dos hoteis, aínda que os usuarios gañaban moito. «Isto cambiou moito, pecharon comercios, a construción está a cero, o turismo hai, pero menos», di. Recoñece que «fixéronse moitos cartos, pero tamén houbo moitos pufos, casos de que se xuntaban catro ou cinco e xa erguían unha promoción». Hai centenares de pisos baleiros, talvez miles, «e antes, para atopar un, case o facías por recomendación».

 

Os prezos xa se miran

Manuel coincide con María en que os prezos se miran ao detalle. Cre que o declive comezou fai uns catro anos, cando a crise chegou de golpe, igual que de golpe creceu a illa. «Fíxose todo en cinco anos, en vez de ir máis planificado», sinala.

Margarita Maroñas (40 anos), de San Cremenzo de pazos (Zas), leva case oito anos en Matogueira, á beira do aeroporto, moi preto de Puerto del Rosario, a capital majorera. O seu marido, carballés, quedou no paro e marchouse a Suíza, onde xa estivera de neno, como ela. E ela seguirá o seu camiño no verán.

Chámalle moito a atención ver todo «abandonado», sobre todo algunhas zonas nas que se fixeron pisos de máis, exageradamente, e non se venderon, ou llos quedou o banco. En moitos casos houbo que valar para que non levasen o que tiñan. Un mundo distinto ao de crecemento que ela coñeceu ao chegar. «Aquí quedan sobre todo os que mercaron e os que teñen a familia», apunta. O traballo escasea e hai moitos que veñen da construción e que van tirando coas chapuzas. Outros se van a destinos como Cabo Verde ou Guinea. O turismo aguantou ben este último mes, pero tampouco xera soldos altos.

DEZ ANOS DO ÉXODO MASIVO

Unha emigrante recorda que había quen ía co diñeiro para comprar un coche

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas