(17/10/2012)
Algúns inmigrantes de Culleredo pensan en regresar, pero non teñen fondos para facelo
En Culleredo, na área metropolitana da Coruña, existe un locutorio onde hai plátanos macho, malanga, ron dominicano, zume de coco... Recorda a un deses típicos bares dos centros galegos no exterior. O que cambia aí é que en lugar de chourizo ou xamón, hai produtos do Caribe. É unha tenda, pero tamén un centro de reunión. Aí ven moitas tardes Sabá Paulino, Marcelo Cruz , José Dionisio, Bernardino Paula e Agustín Biscaíño. Chegaron desde países como República Dominicana e Brasil atraídos polos que dicían que España era un país próspero, un Estado onde había traballo. «Moitos viñeron por familiares, nun primeiro momento cruzaron o Atlántico as esposas porque lles era máis fácil achar traballo e logo viñeron os homes», din. Pero esas promesas de prosperidade quedaron nun soño. Agora están en paro. O colectivo inmigrante é un dos máis afectados pola caída en picado da economía. E co desemprego chegaron os problemas burocráticos cos papeis ou unha diminución de dereitos de acceso á sanidade. Algúns teñen a dobre nacionalidade, pero din que non van votar. Están decepcionados.
O paro
«Todo se volveu en contra». Foron no seu día man de obra para a construción, pero agora non teñen nada. Nin aí, nin na hostalería, nin nos talleres, nin en ningún outro ramo. Son as mulleres as que están a levar algo de diñeiro a casa. «Mandei demandas a moitos lugares, pero nunca contestan. Tampouco queren a ninguén nos talleres para facer prácticas», explica Agustín, que engade que tampouco convalidan títulos. «Son camioneiro e quería facer os cursos para convalidar o carné, pero non tiña diñeiro». Mentres, di Sabá con pena: «Todo está moi mal, todo se volveu contra nós». Están desesperados. Recoñecen que os españois tamén o están pasando mal, pero Sabá apunta que no caso dos inmigrantes cada vez son máis as familias que tocan á porta das asociacións para pedir axuda. Para saír da lameira dá ideas: «Queremos traballar. Aquí hai moito terreo abandonado, que nolo arrienden para cultivalo e producir».
A sanidade
«Denegaron tres veces o permiso». O Goberno galego do PP dixo no seu día que a sanidade pública atenderá aos que non teñen papeis. De feito habilitou un programa para que poidan acceder a ela. De todos os xeitos o feito de que desde Madrid digan que se vai recortar a prestación sanitaria preocupa a un colectivo que, ante a falta de traballo, corre o risco de que non lles renoven os papeis. «Non teño traballo e hai un tempo a miña muller tivo un accidente aquí en Galicia. Danlle unha prestación, pero a cantidade parece que é pequena e esa é a razón pola que parece que me denegaron tres veces o permiso», di Bernardino.
O retorno
«Non hai diñeiro para poder volver a casa». Non descartan volver porque aquí non hai ningunha expectativa, pero o seu problema é que non teñen diñeiro para pagar o billete de regreso. «Non hai diñeiro para poder volver a casa» , explican. Pero o que están a pasar empuxa a iso. Porque, como di José: «Son oficial de primeira e hai máis dun ano que non teño traballo». O problema é que os programas de retorno xa non son como eran antes. «Antes a Cruz Vermella pagaba a pasaxe, pero agora parece que xa nada», di Marcelo.
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas