GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Coruña. Cae o numero de inmigrantes de América por primeira vez en 10 anos

(24/09/2012)

Cae o numero de inmigrantes de América por primeira vez en 10 anos

O descenso, notable entre os suramericanos, explícase pola crise e as naturalizaciones

Autor:
Marina Estarque
Localidade:
A Coruña / a voz

Data     23/9/2012

O número de inmigrantes oriúndos de América residentes na Coruña caeu por primeira vez en dez anos, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística e do Concello, relativos ao 2011. No 2010 eran 7.081 americanos e no 2011 pasaran a 6.835.

A diferenza de 246 persoas pode parecer pequena, pero é significativa comparada co incremento da inmigración nos anos anteriores á crise. Entre o 2002 e o 2003, por exemplo, 1.058 americanos chegaron á cidade. Desde o 2002 ata o 2010 foron 4.443 novos inmigrantes do continente.

Ou sexa, o fluxo de entrada caeu considerablemente. Iso non significa que non cheguen máis inmigrantes. Outras nacionalidades seguen crecendo. Tanto é así que entre o 2010 e o 2011 A Coruña recibiu 174 estranxeiros, totalizando 12.518 inmigrantes. Incluso entre os americanos o número de dominicanos e peruanos nunca deixou de crecer nestes dez anos. En xeral, a caída pode ser atribuída a Sudamérica, en especial a Arxentina, Uruguai, Brasil e Colombia.

Os motivos do descenso, segundo o profesor da Universidade da Coruña e experto en migracións Antonio Izquierdo Escribano, son múltiples. No caso dos suramericanos, moitos se naturalizan e deixan de contar como estranxeiros. Iso débese a que teñen antepasados españois, característica aínda máis común en Galicia polo seu histórico de emigración. Ademais, unha lei permite aos latinoamericanos pedir a nacionalidade española aos dous anos de residencia autorizada no país.

A crise é outro dos factores que explican o descenso. En busca de mellores ofertas de traballo, hai suramericanos que retornan a casa ou migran a outras comunidades ou países europeos. Un agravante é que para un estranxeiro a perda do contrato de traballo pode imposibilitar a permanencia en España.

Para unha persoa en situación irregular é case imposible conseguir un contrato. Normalmente soluciónase a través dun favor dentro da comunidade de inmigrantes. «Perder o traballo non é o mesmo para un español que para un foráneo. Eles necesitan un contrato para existir legalmente», esclarece Escribano.

Segundo o profesor, moitas familias caen nunha situación paradoxal de ter os fillos regularizados e os pais, no paro, sen conseguir renovar os seus permisos. «E así recaen na irregularidade, fenómeno que empeorou coa crise e as lexislacións cada vez máis ríxidas», di.

Aínda así, Escribano alerta: «Non se van tantos como se imaxina. Os que están sos e acaban de chegar son os que máis marchan. Xa se tes fillos, integrados e estudando, é máis difícil». Betty Rico, directora da Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI) do Concello da Coruña sostén o mesmo. «A xente está aquí e quere quedar. Son capaces de soportar situacións difíciles polo futuro dos seus fillos».

Os expertos tamén aclaran que os inmigrantes están máis adoitados vivir con menos e teñen o perfil de emprendedores. «Teñen máis facilidade de prescindir do superfluo que nós. E son buscadores activos de emprego. Non quedan en casa, vivindo de prestacións», explica Juan José Vázquez Rodríguez, asesor xurídico da UAMI. Por estas características, moitos elixen quedar, e outros, sinxelamente, non teñen recursos financeiros para volver.

Para Escribano, os inmigrantes «interésannos demográficamente, hai que intentar retelos. Son un capital social e necesitámolos para solucionar a crise». Betty Rico defende o mesmo. «Hai que integralos. Galicia envellece e os inmigrantes impiden que teñamos un saldo poboacional negativo. A inmigración é unha riqueza económica e cultural», conclúe.

 Aumenta a demanda de atención na unidade de migracións

A caída dos fluxos de entrada de inmigrantes non diminuíu a cantidade de traballo da Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI) do Concello da Coruña. Todo o contrario. O número de usuarios da unidade aumentou de 873, no primeiro semestre do 2011, a 935, no mesmo período do 2012. O volume de informes tamén creceu, xa que pasaron de 322 a 414.

Se antes o maior número de demandas estaban relacionados coa entrada no país e os permisos de residencia, agora o desafío é conseguir un emprego e manterse dentro. «As renovacións, que antes eran case automáticas, agora son moi complicadas. Cada vez pídense máis documentos e a lexislación é cada vez máis rigorosa», afirma Juan Vázquez.

Segundo o asesor xurídico, os cambios na lei de estranxeiría, o seu novo regulamento, e as modificacións constantes na lexislación fan o traballo da unidade bastante máis difícil.

Tamén fixo fincapé en que «as instrucións ditadas polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social contribuíron a xerar un panorama complexo de aplicación da norma». Panorama este que foi empeorando por «unha aplicación máis restritiva por parte da Oficina de Estranxeiros, realizando interpretacións e adaptacións en moitos casos prexudiciais para o cidadán estranxeiro».

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas