GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Feijóo asegura que as relacións comerciais entre Galicia e Arxentina “están blindadas” pola seguridade xurídica e o estado de dereito español e lanza unha mensaxe de “apoio e confianza” ao empresariado

(16/07/2012)

Feijóo asegura que as relacións comerciais entre Galicia e Arxentina “están blindadas” pola seguridade xurídica e o estado de dereito español e lanza unha mensaxe de “apoio e confianza” ao empresariado

 
 
Domingo, 15.07.2012
  • O presidente da Xunta constata a eficacia da oficina PEXGA en Buenos Aires, xa que máis de 200 emprendedores e emprendedoras buscaron a través dela oportunidades de negocio en Arxentina.
  • Recoñece o peso dos empresarios galegos e españois en Arxentina e destaca o seu potencial futuro en sectores como a asesoría, a tecnoloxía, a automoción e o téxtil.
  • Aproveita a súa estadía en Buenos Aires para visitar a colectividade galega, a máis numerosa, ao superar os 140.000 os galegos e galegas residentes en Arxentina.
  • Explicou que a Xunta “cumprirá coas súa obrigas” no que respecta ao Hospital do Centro Gallego e que está a buscar fórmulas “para pagar a débeda que nos deixaron na anterior lexislatura”.
 
 
  • Feijóo coa colectividade galega, no Centro Galicia de Buenos Aires.
    Feijóo coa colectividade galega, no Centro Galicia de Buenos Aires.
  • Feijóo no acto da Plataforma Empresarial Pexga en Bos Aires.
    Feijóo no acto da Plataforma Empresarial Pexga en Bos Aires.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enviou unha mensaxe de tranquilidade e seguridade para o empresariado galego e español xa que, segundo explicou, as relacións comerciais de Galicia e España coa Arxentina “están blindadas coa seguridade xurídica e co estado de dereito español”. Así o manifestou o xefe do Goberno galego onte na capital arxentina (esta madrugada en Galicia), logo do acto empresarial da Plataforma Empresarial de Galicia en Buenos Aires (Pexga), no que participou a Asociación de Empresarios Gallegos no país.

Feijóo quixo insistir, en primeiro lugar, no “apoio inequívoco” tanto por parte da Xunta de Galicia como do Goberno de España ás e aos inversores españois no país austral para que “o sigan facendo” e, en segundo lugar, subliñou a súa “confianza” de “entre todos voltar outra vez a unha senda de seguridade e de certidume porque é bo para os nosos países”. Segundo dixo, as inquedanzas do empresariado español “como calquera outro de calquera lugar do mundo” son dispoñer de “seguridade xurídica, certeza e poder seguir traballando e consolidando as súas empresas”. “Arxentina e España son países cunha relación secular, cunha amizade permanente e cunha relación non soamente de confianza e de afinidade, senón de consaguinidade”, afirmou.

Nos encontros de carácter económico da súa axenda, o presidente da Xunta puxo en valor o peso das emresarias e empresarios galegos e españois en Arxentina e destacou o seu potencial futuro no país en sectores como a tecnoloxía, as enerxías renovables ou o téxtil.

Nas súas declaracións, o titular da Xunta insistiu no interese de Galicia no mercado arxentino, onde están presentes actualmente preto dun cento de empresas galegas e subliñou a eficacia da oficina da rede Pexga en Buenos Aires, que en menos dun ano en funcionamento prestou servizo e asesoramento a ao redor de 200 emprendedores con interese en internacionalizar os seus negocios no país.

A xuízo do mandatario galego Galicia ten un gran potencial en Arxentina e, á súa vez, “Arxentina é un país dinámico, un país que necesita empresas especializadas en tecnoloxía, en asesoramento, e en informática”. Amosouse convencido de que “hai posibilidades de negocio”, sobre todo nos sectores da asesoría, da tecnoloxía, do téxtil e da automoción, nos que xa existen contratos en marcha. Aínda que destacou tamén a calidade do empresariado galego noutros eidos como a hostalería e a construción.

O presidente da Xunta lembrou ademais que as exportacións galegas “están no mellor momento da súa historia” e que “a nosa balanza comercial é a segunda mellor de todas as comunidades autónomas”. Por iso incidiu na necesidade de seguir explorando esta vía xa que “a exportación é unha ferramenta para saír da crise e é unha ferramenta que Galicia está aproveitando”, dixo.

Hospital
Dentro da axenda institucional Alberto Núñez Feijóo reuniuse coa presidenta do Centro Gallego de Buenos Aires, á que lle transmitiu que a Xunta “vai cumprir coas súas obrigas” e que se está a traballar na busca “dunha fórmula” para “pagar a débeda que nos deixaron na lexislatura anterior”. En concreto, respecto ao Hospital, asegurou que o Goberno galego “non se vai apartar das súas obrigas e cumprirá a parte que lle corresponde”, aínda que matizou que “os hospitais teñen que ser viables económica e finaceiramente”. “Espero e desexo unha boa xerencia e unha boa xestión do hospital, porque xestionar un hospital sempre é moi difícil. É a organización máis difícil de xestionar desde o punto de vista do sector público”, recoñeceu.

Encontro coa colectividade
O mandatario autonómico aproveitou a súa estadía en Buenos Aires para visitar a colectividade galega, formada por 140.000 galegos, a quen lles transmitiu “o noso afecto, a nosa determinación e o noso compromiso coa emigración”.

Non obstante, na súa intervención Feijóo deulles conta da actual situación de dificultades porque, dixo, “os cidadáns teñen un dereito, que é coñecer a verdadeira situación do seu país”. A este respecto demandoulles un “esforzo” porque “o voso país e a vosa nación o necesitan” e comprometeuse tamén “a que teñades o esforzo da vosa nación, para que vos sigades sentido orgullosos de ser españois aló onde vaiades”. “Os nosos maiores son a referencia de cómo Galicia e cómo España saíu dun momento económico da súa historia moi difícil, e cómo foi capaz de mellorar para converterse nunha das principais potencias do mundo. E agora, outra vez, volvedes a ser a referencia”, sentenciou o presidente da Xunta.

Así mesmo, lembrou que o próximo 25 de xullo é o Día de Galicia “o día de todos os galegos e, polo tanto, tamén de todos vos”. Por último Feijóo sinalou que “Galicia sigue traballando, está en marcha, que Galicia é un gran proxecto colectivo, que é un lugar especial no mundo”.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas