GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O benfeitor cangués con acento porteño

(16/07/2012)

O benfeitor cangués con acento porteño

 
 
Domingo, 15.07.2012
  • Rafael Gil preside un fogar galego para acoller persoas anciás en Bos Aires.

Rafael Gil viaxa con regularidade a Cangas, onde aproveita para visitar á súa familia e amizades. Foto: G.N.

A emigración dos anos 50 converteu en berce dos galegos e as galegas lugares como Arxentina, cuxas cidades se encheron de emigrantes que atravesaron o gran charco para labrarse un futuro mellor. O cangués Rafael Gil Malvido é un exemplo, xa que viaxou a Bos Aires, coa súa familia, con tan só 16 anos. A súa vinculación con Galicia é tanta que, con 70 anos, é o presidente do Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar, onde son acollidas persoas anciás abandonadas polas súas familias. Un congreso permitiu que Gil voase a España, viaxe que aproveita para reunirse coa súa familia de Cangas.

Moitos foron os galegos e as galegas que durante os anos 50 se viron obrigadas a marchar da súa terra natal para buscar fortuna en países estranxeiros, para facer a América. Venezuela, Cuba ou Arxentina eran os destinos máis solicitados por miles de emigrantes que deixaban atrás as súas familias coa esperanza de proporcionarlles un futuro mellor.

Este é o caso de Manuel Gil Gil, coñecido como "O Sultán". Este mariñeiro cangués viaxou a Bos Aires, lugar ao que se trasladou posteriormente a súa muller, Xusta Malvido Fernández e os seus fillos, dende Cangas, en 1957. Máis de cincuenta anos despois, o seu fillo Rafael Gil Malvido, viaxa ata Cangas con regularidade para percorrer as rúas do pobo que o viu nacer e no que pasou os primeiros 16 anos da súa vida. "Cando volvín a Cangas e vin por primeira vez a ponte de Rande empecei a chorar da emoción no avión". E é que Gil tardou 33 anos en regresar a Galicia, tras os que encontrou "o seu Cangas" totalmente cambiado. "Pasei 15 días percorrendo todo O Morrazo, sen deixar de emocionarme, asegura mentres se relaxa nunha céntrica terraza, explicando entre risas que "onde antes había un burro, agora hai un auto de último modelo".

Aínda que Cangas é o lugar que o viu nacer, Gil sempre levará a cidade de Bos Aires no seu corazón. Disto decatouse cando tomou a decisión, en 1990, de volver a Galicia e abrir un restaurante. "Botaba moito de menos Arxentina e tiven que plantar todo e volverme, asegura Gil, e é que a morriña que sente por Arxentina e Cangas está á par. Tal é o seu compromiso con Galicia que hai 37 anos decidiu empezar a colaborar, en Bos Aires, co Hogar Gallego para Ancianos, do que é presidente dende fai xa máis dunha década. Orgulloso do seu labor no centro, Gil explica como no fogar acollen anciás e anciáns abandonados polas súas familias xa que, afirma, "quedar só é moi triste, por iso eu vou seguir axudándoos mentres poida".

Con 70 anos e xubilado, Gil continúa traballando no hostal, xa que se ve "con forzas" para desempeñar o traballo, ademais de resultarlle gratificante. Fundado en 29 de xuño do ano 1943 por, entre outros, o escritor exiliado Luis Seoane, o fogar foi crecendo ata albergar na actualidade 128 "avós", como os chama con cariño Gil, que se encontran nun estado límite tras ser abandonados polas súas familias. "Todo empezou cando, nun xornal, apareceu unha noticia dunha muller ourensana morta por frío alí, en Bos Aires,". Tras a preocupación que xurdiu nese momento, os fundadores decidiron crear unha área para ofrecer un fogar ás galegas e os galegos desamparados. Para facelo escolleron o lugar de Domselaar, a 60 quilómetros da capital, no que se instalaron en 34 hectáreas de terreo nas que as e os residentes gozan de todas as comodidades posibles. "É como un hotel de 5 estrelas, os anciáns están ben coidados e reciben a mellor atención", asegura Gil mentres explica as características do centro, que conta tamén cunha horta na que os avós "se pelexan por ver quen saca os mellores tomates", asegura.

A precaria situación do país, critica Gil, fai que o centro se vexa obrigado a manterse grazas ás axudas que recibe dende o goberno central español e as administracións galegas, xunto coas achegas das e os propios residentes do fogar. "Os avós déixannos un pouco da mínima pensión que lles dan", asegura, mentres que os inmobles ou prazas de garaxe dos que dispoñen os alugan para conseguir os fondos necesarios.

O seu irmán pequeno, Modesto Gil, desempeña a función de presidente de festas nunha área gobernada pola xenerosidade dun grupo de persoas arxentinas e galegas que non esquecen a súa Galicia natal, ou polos seus fillos e netos. Unha iniciativa arriscada que mantén viva a colaboración entre o colectivo emigrante en Arxentina e que fai que os "avós" do fogar sintan de preto o cariño e o apoio dunha terra á que, por diferentes motivos, non puideron regresar.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas