GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Representantes de case 150 entidades participarán no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas

(11/06/2012)

Representantes de case 150 entidades participarán no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas

 
Domingo, 10.06.2012
  • A cita de maior relevancia da diáspora galega, de carácter trienal, será inaugurada polo presidente da Xunta o vindeiro 28 de xuño en Santiago.
  • Os presidentes e as presidentas dos centros galegos con presenza en todo o mundo debaterán diversos aspectos de actualidade, entre eles a nova Lei de Galeguidade.

Consello de Comunidades Galegas.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, inaugurará a finais deste mes o décimo plenario do Consello das Comunidades Galegas, órgano de representación de tódalas organizacións da emigración galega espalladas por todo o mundo, e máxima voz autorizada da diáspora, que se reúne cada tres anos.

Para esta cita, que terá lugar os días 28 e 29 en Santiago, tense confirmado a presenza de representantes de case centenar e medio de organizacións con certificación de galeguidade, que debaterán sobre os principais asuntos actuais de interese e preocupación dos cidadáns e as cidadás residentes fóra da Galicia territorial.

A elección de Santiago como sede desta nova xuntanza do órgano plenario representativo da emigración débese a que a anterior cita se levou a cabo en terras americanas, concretamente na capital uruguaia, Montevideo. Segundo se estipula nas normas do Consello da Galeguidade, debe alternarse unha celebración fóra con outra na Galicia territorial.

A metade, desde América
Os presidentes ou presidentas das distintas asociacións serán os encargados ou encargadas de representar a voz das e dos emigrantes no foro. As entidades con presenza no Plenario teñen a súa sede no resto das comunidades autónomas españolas, noutros países de Europa, e tamén alén o Atlántico, cumprindo precisamente salientar a presenza de moitos delegados e delegadas vidas de América, a metade.

Así, das case 150 entidades con representantes no Pleno, a día de hoxe teñen confirmada presenza máis de setenta procedentes de terras americanas, destacando as 29 arxentinas, 10 uruguaias, 9 cubanas, e 6 venezolanas. Tamén haberá representantes de Brasil, os Estados Unidos, México, Chile e Canadá.

Do case medio centenar de presidentes e presidentas de centros galegos radicados noutras comunidades autónomas españolas, destacan as 13 de Cataluña e 9 do País Vasco, pero tamén haberá presenza de representantes dos centros galegos en Castela e León, Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid, Canarias, Asturias, Murcia, Illas Baleares, Navarra, Cantabria, Aragón, e Extremadura. É dicir, estarán representadas quince das dezasete comunidades que conforman o Estado, faltando unicamente A Rioxa e Castela-A Mancha (aparte as cidades autónomas de Ceuta e Melilla).

Finalmente, vinte entidades galegas con sede noutros países de Europa estarán presentes mediante cadanseu presidente ou presidenta, destacando en número a presenza de representantes de Alemaña e Suíza, aínda que haberá tamén galegos e galegas residentes en Bélxica, Francia, Holanda, e Portugal.

Programa
O Plenario do Consello das Comunidades Galegas é o órgano de deliberación máis importante da diáspora galega, por canto nel teñen cabida tódalas entidades con recoñecemento oficial de Galeguidade. Reúnese unha vez cada tres anos, e ben se pode dicir que se trata da imaxe máis fiable da emigración galega do momento.

Nesta décima cita abordaranse múltiplas cuestións relacionadas co pasado, presente e futuro dos movementos migratorios de cidadáns galegos e galegas e os seus descendentes, pivotando en torno a catro asuntos centrais: o desenvolvemento normativo e a próxima Lei de Galeguidade; as políticas socio-asistenciais no exterior (con experiencias de diversa índole relatadas polos seus protagonistas); a cultura galega na diáspora; e a Galicia exterior no século XXI (con reflexións sobre participación política e empresarial, formación, papel da muller, novas tecnoloxías, e sostibilidade das propias comunidades galegas).

Asemade, o Pleno escollerá os membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación entre plenarios, posto que os actuais vencen mandado coa celebración desta X edición da máis importante cita da Emigración galega.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas