GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta e a Fiscalía Superior renovan o protocolo de colaboración contra a trata de mulleres con fins de explotación sexual en Galicia

(30/03/2012)

A Xunta e a Fiscalía Superior renovan o protocolo de colaboración contra a trata de mulleres con fins de explotación sexual en Galicia

 
Venres, 30.03.2012
  • A titular de Igualdade e o fiscal superior de Galicia asinaron este mércores a renovación do protocolo acordado en 2010, para adecualo ás últimas modificacións lexislativas e outorgar permanencia á colaboración.
  • O obxectivo é asegurar unha actuación conxunta para favorecer a denuncia das vítimas, aplicando as garantías e os beneficios legais.
  • As ONGs que desenvolven actuacións no programa derivado deste protocolo atenderon en Galicia durante 2010 e 2011 a 6.173 mulleres explotadas sexualmente.

Xunta de Galicia.

O protocolo de colaboración entre a Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia contra a trata de mulleres en Galicia, asinado en 2010, cumpre dous anos co compromiso de permanencia que se reflicte na actualización e renovación do mesmo, asinada esta mañá pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, para a súa adecuación ás últimas modificacións lexislativas.

Este protocolo ten como finalidade artellar unha liña de actuación conxunta multidisciplinar dirixida a combater a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e dar unha resposta integral e específica ás mulleres vítimas desta grave violación dos dereitos humanos. Para iso, establécense os criterios para unha actuación eficaz destinada a identificar ás vítimas de trata, facilitarlles a posibilidade de acollerse ao periodo de reflexión previsto na lexislación e colaborar coa Administración de xustiza na persecución dos culpables.

O obxectivo é favorecer a denuncia das vítimas aplicando os recursos legais, entre outros, o período de restablecemento e reflexión dun mínimo de 30 días e, en todo caso, suficiente para que a persoa poida restablecerse e decidir se desexa cooperar coas autoridades na investigación do delito, con autorización de permiso de residencia e traballo e exención de responsabilidade.

O aeroporto de Vigo é unha das zonas con máis tránsito de mulleres vítimas de tráfico procedentes de países suramericanos, para posteriormente ser trasladadas por toda a cornisa cantábrica e mesmo a outros países europeos, segundo revela o Plan integral de loita contra a prostitución e a trata de mulleres con fins de explotación sexual, aprobado en 2008. Se ben España é utilizada nun grado baixo como país de tránsito, segundo os informes da ONU, é utilizada nun grado alto como país de destino, sendo algún dos principais países de orixe Brasil, Colombia, República Dominicana, Nixeria, Rusia, Ucrania e Romanía.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, sinalou que, segundo datos do citado Plan integral de loita contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, en España, ao redor do 90% das mulleres prostituídas son inmigrantes en situación irregular vítimas de trata e controladas por mafias. Mafias que operan baixo estereotipos diferentes, a teor da nacionalidade dos traficantes, tal e como explicou o fiscal superior, que apuntou que se teñen detectados traficantes romaneses, colombianos, uruguaios, chineses, portugueses e nixerianos. Sobre as vítimas, Carlos Varela sinalou que xeralmente son mulleres con pouca conciencia sobre a súa dignidade e, no caso das mulleres africanas, facilmente manipulables.

O fiscal superior informou de que, en aplicación do protocolo, a Brigada de Extranxeiría da Policía Nacional investigou en Galicia o pasado ano 10 casos de tráfico e explotación de mulleres.

O destacado papel de ONGs e entidades
A actuación coordinada establecida no protocolo supón a implicación da Administración autonómica, da Fiscalía Superior de Galicia, das forzas e corpos de seguridade, de ONGs e doutras entidades especializadas na atención a estas vítimas, que son as que directamente realizan as tarefas de asistencia e asesoramento ás mulleres.

As ONGs e entidades que participan no programa posto en marcha en 2010 derivado deste protocolo son Cruz Vermella, os Centros Vagalume e Alumar de Cáritas de Santiago e de Ourense, o Centro Mencer das Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, a Asociación da Comisión Católica Española de Migración (ACCEM), Médicos del Mundo, a Asociación Ecos do Sur e a Asociación Faraxa.

Como resultado do programa, en 2010 e 2011 estas entidades asistiron a un total de 6.173 mulleres en Galicia -2.632 na provincia de Pontevedra, 2.114 na Coruña, 1.069 en Ourense e 358 en Lugo-, para o que dispuxeron dun orzamento de 675.000 euros da Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais da Igualdade e de Emigración.

Atención en 51 idiomas para mulleres vítimas de trata
Como novidade, a Secretaría Xeral da Igualdade tomou o pasado ano a decisión de instalar un sistema de teletradución a 51 idiomas nas ONGs e entidades participantes neste programa, que supón un gran apoio para estas mulleres en situación de grave risco e vulnerabilidade e asegura unha asistencia óptima ás vítimas de trata en Galicia.

A través da plataforma de teletradución, estas mulleres son atendidas no seu idioma e acceden nas mellores condicións á información e aos recursos dispoñibles. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas