GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Rumbo ao corazón de África

(20/01/2012)

Rumbo ao corazón de África

O ourensán Breogán Pereiro xogará nun club da República do Congo.

Santi M. Amil
Santi M. Amil

No corazón de África vívese o fútbol intensamente. É o que puido comprobar o xogador galego Breogán Pereiro (Ourense, 1988) antes de decidirse a fichar polo F. C. Saint Éloi Lupopo, un dos principais equipos da República Democrática do Congo. O centrocampista ourensán será un dos reforzos do Lupopo para a próxima tempada, que arrincará nunhas semanas coa disputa da Champions League africana.

Breogán Pereiro estaba a terminar a súa carreira de deseño de moda e artes gráficas preto de Turín, en Italia, cando recibiu a chamada dun director deportivo africano que coñecera ao centrocampista ourensán na época que este pasou na canteira do Villareal. Pereiro viaxou ata o Congo para comprobar in situ as condicións que lle ofrecían e volveu «impresionado». Segundo relata, estivo «a adestrar con eles un mes, para ver se me adaptaba e pareceume todo moi serio. A xente é moi agradable e respectuosa. Déronnos un recibimento impresionante, tivemos que saudar a todos».

O equipo terminara a tempada, ás ordes do adestrador vasco Miguel Zurro, e clasificouse para a Champions africana. Non tivo oportunidade de coincidir co técnico, ao que coñecerá xa na pretemporada que discorrerá, segundo dixéronlle, entre Valencia e Bélxica, con varios partidos concertados contra equipos de primeiro nivel.

O Saint Éloi Lupopo é un equipo da Superliga congoleña ou primeira división do país centroafricano. É un club poderoso que lle deu todas as facilidades a Breogán Pereiro. Vivirá nun cómodo hotel de Lubumbashi, a segunda cidade do país, con máis de máis dun millón de habitantes, situada ao sur do Congo, preto da fronteira con Zambia. Alí falan francés, suahili e lingana, e o club púxolle un tradutor. Sen especificar as cantidades económicas que asinou, Pereiro afirma que «en Segunda B aquí, non se cobra iso nin de coña».

O que máis impresionou a Breogán Pereiro foi o gran ambiente que hai ao redor do equipo, «con cinco mil persoas nos adestramentos e 50.000 nos partidos». O estadio do Saint Éloi Lupopo ten capacidade para 35.000 espectadores.Respecto ao nivel futbolístico, Pereiro sinala que no Congo xógase con «moita velocidade e forza física. Hai moi bos futbolistas que aquí serían de Segunda dos de arriba ou de Primeira, aínda que hai de todo».

O principal equipo é o TP Mazembe, que chegou a xogar o Mundialito de clubs, está presidido polo gobernador do país e dispón ata de avión propio. Os desprazamentos en avión son habituais nun país enorme, case tan grande como toda Europa occidental e onde hai poucas estradas. «Hai pobreza, pero tamén xente moi rica. É un sitio fenomenal», apunta o xogador.

 

Reforzos europeos

Pereiro asume a súa aventura africana con ilusión e o apoio da súa familia. Coincidirá con outro xogador español no Lupopo, aínda que descoñece o seu nome, e con outro romanés. Serán os únicos europeos, xunto co resto de xogadores africanos. O ourensán di que o ficharon para «darlle pausa ao xogo e un plus de calidade ao centro do campo. Fíchanme para reforzar o equipo». En breve reunirase co equipo para a pretemporada e comezar coa Champions. O seu primeiro rival será un equipo surafricano, pero aínda non ten máis información.

Breogán Pereiro recalou no fútbol galego na tempada 2008-09. Chegou ao C.D. Ourense cando este acababa de descender a Terceira División, xunto co seu irmán Moisés. Logo pasou polo Cidade de Santiago, aínda que se volveu ao non poder continuar na capital galega os seus estudos de moda e deixou o fútbol. Militou durante unha época no Santa Comba e este ano atopábase adestrando cun equipo italiano mentres completaba os seus estudos ata que recibiu a chamada de África.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas