GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Caldas vólvese unha pequena Suíza

(02/12/2011)

Caldas vólvese unha pequena Suíza

Emigrantes retornados da cidade de Thun celebran na vila a súa novena Xuntanza

Autor:
cristina barral
Localidade:
pontevedra / a voz
Data
2/12/2011

A cidade suíza de Thun acolleu a moitos galegos que a mediados do século XX decidiron emigrar en busca dun futuro mellor. Aspiraban a unha oportunidade que por aquel entón pintaba fea en España. A maioría daqueles retornaron á súa terra por motivos familiares, pero para non perder os lazos con este cantón alemán celebran desde fai oito edicións unha xuntanza anual.

A novena cita terá lugar o próximo 6 de decembro, martes, no restaurante Lotus de Caldas. En anteriores ocasións a festa desenvolveuse en Santa Corda, Santa María de Oia, Lalín, Forcarei, Padrón, Verín e Carballo. Á fronte da organización do 2011 están dous veciños de Campo Lameiro, José Crespo, que vive en Chacente, e Antonio Barros, que reside en Praderrei. Decidiron de boa gaña meterse neste serán para que esta reunión de emigrantes retornados «vire por toda Galicia». O 95 % dos asistentes son da comunidade autónoma, aínda que tamén hai presenza de asturianos casados con galegos e algúns madrileños. Prevese a asistencia dunhas 120 persoas.

José Crespo, que ten 54 anos e está en paro, foise a Thun con «ganas de aventura» aos 21, recentemente terminada a mili. Nesta cidade, emprazada no extremo inferior do lago do mesmo nome e que é a porta de entrada a Berna Oberland, había industria e traballo. Alí estivo dezaseis anos traballando na construción. «Casei cunha galega e tivemos dous fillos, nese momento tivemos que decidir entre educalos alá ou aquí e en 1994 volvemos», explica José.

Non se arrepinte do regreso, pero admite que alí «estaba de marabilla porque se recoñecía o que facías». Agora, tal e como están as cousas, é inevitable darlle voltas: «Arrepentirme non, pero sempre pensas...». E iso que as cousas non foron fáciles. «Sentín máis estranxeiro cando cheguei aquí que alá. Aquí a xente vai máis á súa bóla e a verdade é que ao principio me custou», relata. Ao seu regreso traballou na construtora San José ata que quedou sen emprego: «Agora coa crise non hai para uns nin para outros».

O seu amigo Antonio Barros ten 57 anos e un problema grave de saúde converteuno en pensionista. No seu caso, emigrou a Suíza porque «alí tiña ao meu pai e aquí non había traballo». Antes de recalar en Thun, onde estivo vinte e dous anos, residiu cinco anos en Xenebra. «Funme con 17, vin, fixen a mili, casei e despois volvín. Empecei traballando como albanel e acabei como encargado dunha empresa de construción», apunta.

Antonio regresou a Campo Lameiro con 46 anos. No seu caso fixo as maletas porque a súa familia xa estaba en Galicia. «A familia estaba aquí, os fillos, a muller viñera catro ou cinco anos antes... E iso que me atopaba moi ben alí, como en casa», recorda.

¿E que tiña Thun para atraer a tantos galegos? O boca orella fixo o seu traballo, pero nesta cidade pequena e acolledora a vida era fácil. «Fun presidente do Centro Galego durante cinco anos e case sempre estiven na directiva, pasei por todos os cargos», comenta Antonio. A entidade chegou a ter máis de trescentos socios, co que a colonia galega superaba, con fillos, as mil persoas. «Thun é máis grande que Vilagarcía e máis pequena que Pontevedra. É unha cidade moi bonita e ten todos os servizos. Cos suízos a confianza hai que gañarlla, pero cando a tes, xa é para sempre», sentenza Antonio.

 

Alemán

O máis duro para moitos foi enfrontarse ao idioma. «O alemán é moi difícil, ao final defendíame, pero cando cheguei non sabía nin papa e agora xa non sabería falar», sinala Antonio, que primeiro estivo nunha zona de fala francesa. Cando se foi de Thun o alcalde preguntoulle a razón: «Comenteille que me quería ir a España e díxome que se ese era o motivo, que adiante, porque colaboraba moito connosco». Agora só vai a Suíza de vacacións.

«Alí estaba de marabilla porque se recoñecía o que facías», apunta José Crepo

«Cos suízos a confianza hai que gañarlla, pero é para sempre», remacha Barros

Un programa de actos, con baile e barra libre, que nada ten que envexar a unha voda

 

O restaurante Lotus de Caldas albergará o próximo 6 de decembro a novena Xuntanza de Emigrantes Retornados de Thun. O programa de actos, no que traballan desde hai semanas José Crespo e Antonio Barros, inclúe unha comida a partir das 14 horas que se prolongará, como mínimo, ata primeira hora da noite. Calcúlase que asistirán unhas 120 persoas.

O menú, que nada ten que envexar a unha voda galega, inclúe aperitivos, lagostinos e centollas, vieiras, pescada á romana, tenreira asada, sobremesa, café e licores. Ademais de rememorar vivencias e amizades da emigración, os participantes poderán botar un baile e gozar dunha barra libre. Como non podía ser doutra forma, a nota musical poraa o grupo Os Helvéticos, «uns compañeiros que estiveron alí connosco», engade Antonio Barros.

Tanto José como Antonio teñen moi bos recordos de Thun. Un dos atractivos desta cidade é o seu casco antigo, situado a aproximadamente un quilómetro do lago e a beiras do río Aare. No seu centro atópase un castelo do século XII e o seu museo. Outros atractivos da zona vella son a igrexa coa súa torre, construída ao redor de 1330, o concello do século XVI e os numerosos cafés e restaurantes situados a beiras do Aare.

 

O exemplo

Antonio recorda unha anécdota que resume moi ben, segundo el, como de rectos son os suízos. «Unha vez solicitamos unha sala para celebrar unha festa do Centro Galego e dixéronnos que primeiro tiñamos que ir recoller os restos que quedaban dunha conmemoración anterior que se fixo preto dun campo de fútbol», relata. «Fixémolo e déronnos as chaves do local, aínda que aínda estabamos a proba. Cando as entreguei dixéronme que xa tiñamos chave para cando quixésemos». Proba superada.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas