GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Casa de Galicia en Madrid organiza a mesa redonda "A diáspora de galegos e xudeus"

(18/11/2011)

A Casa de Galicia en Madrid organiza a mesa redonda "A diáspora de galegos e xudeus"

 
 
Xoves, 17.11.2011
  • No acto interviñeron, Santiago Camba, José Ramón Ónega, Francisco R. García Fernández, Samuel Bengio, e Julio Touza

A Casa de Galicia en Madrid acolleu o pasado martes a mesa redonda co título A diáspora de galegos e xudeus. No acto, presidido polo Secretario Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, interviñeron: o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, autor do libro Os xudeus no Reino de Galicia; o presidente da Comunidade Xudía de Madrid, Samuel Bengio; o presidente da Asociación de Médicos Galegos en Madrid (ASOMEGA), Francisco R. García Fernández; e o arquitecto Julio Touza, descendente das irmás Touza, cuxo comportamento humanitario foi recoñecido pola comunidade xudía.

José Ramón Ónega, que na súa calidade de anfitrión deu a benvida ás e aos intervenientes na mesa e tamén a cantas persoas asistiron ao acto, citando entre outros, ao presidente do centro Peres para a Paz, Isaac Siboni; ao director de El Correo Gallego, Feliciano Barrera; ao empresario Enrique Santín; e aos representantes das Asociacións Galegas en Madrid, como Carlos de Blas, activo colaborador da Casa.

Nas súas palabras, Ónega fixo un pequeno repaso pola historia dos xudeus no Reino de Galicia. "Resumo nun folio as máis de 700 páxinas do meu libro e polo tanto é o mínimo". Entre as cuestións máis rechamantes comentou as grandes pegadas que persisten en Galicia como os apelidos, Pereira, Cerdeira..; os oficios, ferreiro, canteiro..; os nomes de animais, como coello ou galo... ou os múltiples topónimos que seguen denominando moitas vilas e lugares galaicos. "O Camiño de Santiago é a presenza xudea por antonomasia", dixo Ónega noutro momento, antes de ceder a palabra ao arquitecto Julio Touza, neto e sobriño das irmás Touza, cuxa historia saíu á luz, nun libro hai só 6 anos, pola promesa do autor Antón Patiño a Lola Touza, -a súa avoa-, que só o faría público pouco antes da súa morte. E así foi. A obra narra como un ancián xudeu en Nova York pide a un galego que retornaba, que viaxase ata Ribadavia para agradecer a Lola Touza que o tivese salvado. As tres irmás, Lola, Amparo e Julia rexentaban a cantina da estación do tren e xunto con dous taxistas, o Rocha e o Calavera formaron un segredo equipo que abeirou e trasladou á fronteira con Portugal nos anos corenta as e os xudeus que fuxían a América ou África en tempos moi difíciles. Touza mostrouse moi orgulloso da xesta realizada por estas valentes mulleres que nunca recoñeceron nada publicamente e agora pode evocar algúns dos moitos ocos que el coñece da casa herdada, que sen dúbida terían servido para ocultar os perseguidos.

Pola súa banda, o presidente de ASOMEGA, Francisco R. García enumerou unha ampla bibliografía de títulos desta temática, dedicando especial atención ao médico vigués Eduardo Martínez Alonso, cuxa vida recolle a súa filla Patricia Martínez Vicente en dous libros. Francisco comentou que hai aspectos destas obras que poden ser cuestionables, sobre todo a idea de que fosen tantas persoas xudías as salvadas, "porque nada era tan doado, empezando polas comunicacións,". Aínda que concluíu dicindo que "o número é o de menos, fosen 300.000 ou 300. Se tivesen sido só dous para min xa tería sido un heroe".

Para o presidente da Comunidade Xudía de Madrid, Samuel Bengio, o seu pobo leva 57 séculos de historia e deles os 35 xa na diáspora, cando os asirios os expulsaron da Terra Prometida e os levaron a Babilonia.

O acto pechouno o tamén médico e secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, quen encontrou algúns paralelismos entre as diásporas de ambos os dous pobos. "O fenómeno migratorio sempre é un drama", asegurou, "e tanto xudeus coma galegos mantiveron a súa identidade como pobo". É verdade que o fenómeno galego é moi recente pois data dos séculos XIX e XX. De feito, as grandes ondadas de emigración de galegos e galegas foron nos cen anos que van dende 1860 a 1960, cara a América primeiro e a Europa despois. "Galicia tampouco se pode entender sen a súa diáspora, verdadeiro motor que a impulsou durante décadas dende o exterior", dixo Camba, algo que se notou especialmente na construción de escolas e hospitais.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas