-
Trátase de iniciativas relacionadas coa fontanaría, albanelería, pasada de ferro, atención sociosanitaria a domicilio, atención especializada a persoas enfermas de Alzheimer, camareira e camareiro de hostalaría, recepcionista, e camareira ou camareiro xeral.
-
O subdirector da Inmigración e do Retorno, Antonio Aguarón, presidirá o acto oficial de entrega de cadansúa acreditación ao centenar de alumnas e alumnos.
Na mañá de hoxe venres terá lugar o acto de entrega dos diplomas acreditativos correspondentes a oito cursos de formación para inmigrantes desenvolvidos en Ourense nos pasados meses. Trátase de novas iniciativas sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración dentro da liña de accións que axuden á integración social e laboral dos cidadáns e das cidadás estranxeiros, desenvolvidas en colaboración con entidades sociais.
Cadanseu documento acreditativo será entregado ao alumnado entre as dez e as doce e media da mañá, en diversos actos que terán lugar na capital ourensá, e que contarán coa presenza do Subdirector Xeral da Inmigración e do Retorno da Secretaría Xeral da Emigración, Antonio Aguarón.
Estes cursos están sufragados con partidas orzamentarias da Secretaría Xeral da Emigración cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e a semana pasada o DOG publicaba unha nova relación de 47 cursos que se desenvolverán grazas a eles, iniciativa da que se beneficiarán máis de 700 alumnas e alumnos.
A Secretaría Xeral tivo sempre presente, á hora de decidirse polos proxectos a subvencionar, o interese da iniciativa candidata, e a compensación coas vilas e comarcas con meirande presenza, porcentual e global, de poboación inmigrante e retornada, así como a demanda real do mercado laboral. Tódalas organizacións beneficiarias teñen e terán, por descontado, que acreditar documentalmente as accións formativas pertinentes para cobraren as axudas oficiais.
Percorrido
O reparto dos diplomas comezará ás 10:00 da mañá na Casa da Xuventude (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 27) coa entrega dos do curso de Fontanaría impartido por Galicia Inxenia, no que participaron 8 homes e 3 mulleres. Despois, ás 10:30 da mañá no Centro de Formación de Trébede (Xoán de Novoa, 6) entregaranse os do curso de Albanelería impartido por Cáritas, no que os 15 alumnos eran varóns.
Ás 11:15 da mañá (na Rúa Reza, 3) terá lugar o reparto dos documentos correspondentes aos tres cursos desenvolvidos pola Asociación de Centros Homologados: os de pasada de ferro, atención sociosanitaria a domicilio, e atención especializada a enfermos de Alzheimer. No primeiro teñen participado 10 mulleres e 5 homes; no segundo 12 mulleres e 3 homes; e no terceiro 11 mulleres e 4 homes.
Xa ás 12:00 do mediodía (na Rúa Marcelo Macías, 32), Aguarón fará entrega dos diplomas dos tres cursos realizados pola Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia e a Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Ourense: camareira e camareiro de establecementos hostaleiros, recepcionista de hotel, e camareira e camareiro xeral. No primeiro deles tomaron parte 8 mulleres e 7 homes; no segundo 11 mulleres e 4 homes; e no terceiro 8 mulleres e 7 homes.
Duración e procedencias
Os cursos tiveron unha duración de entre 60 e 150 horas, sempre con maioría de tempo dedicado á práctica. Canto á orixe do alumnado, había 10 aprendizas e aprendices retornadas e retonados con cidadanía española, e o resto pertencía a catro continentes distintos: de América viñan 62, de África 18, de Europa 7, e de Asia 1.
Os países con maior presenza dos seus naturais nestes cursos foron Venezuela (16), Cuba (15), Colombia (14) e Senegal (9), aparte dos 10 españois retornados. Ademais destes catro países, tamén había presenza de alumnado de Chile, Brasil, República Dominicana, Ecuador, Bolivia, Perú e Paraguai; Romanía, Moldavia, Portugal e Italia; Marrocos, Arxelia e Nixeria; e Afganistán.