GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O colexio dos emigrantes

(12/07/2011)

O colexio dos emigrantes

 
 
luns, 11.07.2011
  • O Instituto de Estudos Miñoranos publica un volume sobre as escolas Prol Val Miñor, financiadas polos galegos da diáspora entre 1909 e 1936.

  • Os programas de estudo estaban inspirados nos de Arxentina.

  • O centro tiña unha granxa, un museo de historia natural e transporte propio.


"Isto foi un horror: os meus tres irmáns maiores marcharon para a Arxentina. A partir de aquí o meu pai tíñalle horror ao ensino comercial que inspiraba esta liña; nós estudamos todos no instituto e de comercio non estudamos nada". Eustaquio Ferreiro, conta que o seu pai, o primeiro mestre, que tivo a escola Prol Val Miñor de Nigrán (1909-1936) acabou colléndolle tirria a aquela educación -laica, progresista e firmemente republicana- inaugurada en Galicia grazas á acción filantrópica de emigrantes enriquecidos en América. As sociedades de instrución fundadas en Bos Aires, Montevideo e A Habana puxeron en marcha unhas 300 escolas en toda Galicia, pero seguramente ningunha desas experiencias foi tan ambiciosa como a da Unión Hispano-Americana Val Miñor, artífice das Escolas Prol Val de Nigrán, Baiona e Gondomar.

"Eran as mellor dotadas e as de mellor práctica pedagóxica", subliña Carlos Méixome, director do Instituto de Estudos Miñoranos, que acaba de publicar un libro coas actas dun congreso celebrado hai dous anos con motivo do primeiro centenario da creación destas escolas. Profesores do hoxe IES Escolas Pro Val e historiadores como Ramón Villares, Miguel Cabo, Dionisio Pereira ou Piar Cagiao retratan a Galicia da época -marcada pola eclosión do agrarismo e do nacionalismo- e a ideoloxía inspiradora destes colexios, moi próxima á retórica rexeneracionista e moito máis conservadora no político que no pedagóxico. O volume, que recolle testemuños de antigos alumnos, péchao Xosé Manuel Beiras cun artigo sobre a emigración como válvula de escape. "De non existir a saída da emigración este país rebentaba socialmente. Emigraban os máis audaces, porque había que dar o salto, polo tanto os máis capaces de tomar decisións ante os problemas, e os máis novos".

Aquela escola, que ensinaba Xeografía e Historia de Arxentina, Comercio, Francés, Música, Natación ou Debuxo e posuía talleres de carpintaría e agricultura, transporte propio, unha imprenta, un Museo de Historia Natural con coleccións minerais e mesmo un esqueleto humano, unha ampla biblioteca e unha "sección de exploradores" apadriñada pola xornalista Sofía Casanova, foi pronto acusada de "fábrica de emigrantes". Os plans de estudo rexíanse polas pautas do Consejo Nacional de Educación da República Arxentina e o orientador pedagóxico era tamén un emigrado, o ourensano Ignacio Ares de Parga, moi próximo ás asociacións galegas da diáspora. Nunha visita á escola recomendou aos profesores non deixar de lado a historia de España e de Galicia. "O alumno destas escolas que ten que emigrar debe irse coa clara visión do que foi e do que é a súa patria, para que nunca a esqueza," avisou.

O éxito das escolas Prol Val Miñor foi notable pero efémero. En 1923, o mestre Eladio Ferreiro -unha figura controvertida, xefe local da Unión Patriótica, o partido único da ditadura de Primo de Rivera- foi despedido por desavinzas cos pais do proxecto, Manuel Lemos e Manuel Losada, dous veciños de Val Miñor enriquecidos ao outro lado do Atlántico. O seu pensamento pedagóxico distaba moito das súas simpatías políticas, que o libraron de ser sancionado tras o estalido da guerra, ao contrario doutros compañeiros. Ferreiro rexeitaba o sistema de premios e castigos por antipedagóxico e defendía unha educación práctica baseada na experimentación.

Dos soportes económicos da escola quedan no actual IES Escolas Pro Val Miñor dúas placas de mármore que Carlos Méixome fixo restaurar cando chegou ao centro para dar clases. Estaban entre os restos dunha obra, e partidas pola metade, tan esquecidas como os indianos benfeitores daquela aventura. O primeiro, Lemos, levantou un emporio como comerciante de viños procedentes dos Andes e chegou a ter 365 adegas repartidas polos barrios porteños e outras cidades arxentinas. Navegaba polo Mar de Prata no seu propio barco, tiña unha avioneta e creu que Nigrán podía coñecer un desenvolvemento turístico parecido ao da Costa Azul francesa, aínda que este último empeño acabou coas dunas de Lourido e Panxón, arrasadas para levantar chalés, e co estrafalario bautizo do areal veciño como Praia América. Manuel Losada, pola súa banda, fixo fortuna nunha empresa de exportación de cereal, tamén en Arxentina, e foi un dos principais accionistas de Tranvías de Vigo.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas