GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O éxodo a Alemaña xera unha onda de encargos a tradutores

(04/07/2011)

O éxodo a Alemaña xera unha onda de encargos a tradutores

Un profesional de Lugo afirma que aumentaron as peticións un 70%

Autor:
laura lópez
Localidade:
lugo / a voz
Data de publicación:

Lugo non queda á marxe do éxodo a Alemaña que se está rexistrando en todo o país, sobre todo de mozos en busca dun emprego. Unha proba diso reflíctese na onda de encargos que están a recibir os tradutores. No caso de Lugo, o tradutor xurado de alemán que exerce na capital, José Ángel Seco, con once anos de experiencia na profesión, afirma que, en menos dun ano, o número de peticións que recibe de xente que desexa traducir documentos para buscar traballo en Alemaña aumentou sobre un 70%.

«Recibo ao mes máis de dez solicitudes. É xente que quere traducir ou seu currículo, certificados de formación ou de experiencia laboral. Antes había moitas menos. Ademais, a práctica totalidade era de persoas que marchaban cunha bolsa, non a buscar emprego como agora», explica Seco. Outro aspecto no que se nota este incremento é no interese crecente por aprender alemán.

Esta situación está a cargar de traballo aos tradutores, un sector, doutra banda, ao que a crise afecta tamén, aínda que de modo diferente, dadas as súas peculiaridades. No caso de Seco, está especializado en tradución xurídica, económica e automoción, e traballa tanto para particulares como para grandes e pequenas empresas, directamente ou a través de axencias de tradución.

Dado que a crise calou de cheo na construción e a automoción, o seu traballo tamén se resente. Con todo, matiza que en Alemaña nunca chegou a haber o mesmo parón que en España, polo que lle afectou menos.

 

Automoción

O seu traballo é tan variado como extenso e traballa co alemán, inglés, galego e portugués. Con respecto á automoción, traduce manuais, contratos de colaboración entre empresas españolas e alemás ou ata directrices que marcan desde as casas alemás ás plantas que hai en España. Isto ocorre, por exemplo, cando sacan pezas ou modelos novos para os coches, e para iso conta con glosarios específicos de miles de páxinas. Tamén lle encargan traducir normativas para vehículos ferroviarios.

Os emigrantes retornados reclaman con frecuencia estes servizos

O colectivo de emigrantes retornados ocupa boa parte da clientela que chega aos despachos dos tradutores, ben de forma particular ou a través da Administración. Piden a tradución dos seus diplomas de estudos, de certificados de experiencia laboral, pero tamén de informes sobre o cobro de pensións. Isto pídeno, sobre todo, cando cambian as condicións -por exemplo, se quedan viúvos- para tramitar o papelorio, segundo afirma o lucense José Ángel Seco.

Tamén, cando retornan, piden a tradución de informes médicos para poder seguir certos tratamentos aquí ou ter o historial clínico en español. A tradución de xustificantes de divorcio ou certificados de soltería para poder contraer matrimonio aquí son tamén recorrentes.

 

Comunidade de veciños

Pero do mesmo xeito que os retornados reclaman os seus servizos, tamén ocorre ao contrario. De feito, Seco recorda que unha vez tivo que traducir ao alemán as actas dunha comunidade de veciños de Santa Cruz de Tenerife, pois se trataba de alemáns que residían na illa.

En relación co turismo, tamén recibe encargos da Administración. Hai un tempo traduciu unha guía, encargada polo Igape, para repartir en Alemaña co obxectivo de animar ás empresas daquel país a investir en Galicia. A guía levaba por título Galicien jetzt (Galicia agora).

O alcance desta profesión chega a tal punto que este intérprete tivo que traducir, tamén, instrucións de camas de hospital, de ferros de cociña ou facturas de vehículos comprados no estranxeiro.

«Unha vez traducín as mensaxes de amor que un alemán lle mandaba á súa moza galega»

O traballo de tradutor ten tamén o seu lado celestino, e son varias as historias de amor nas que un intérprete fai de intermediario. José Ángel Seco recorda un, en concreto, que se lle quedou gravado na memoria: «Unha vez traducín as mensaxes de amor que un alemán lle mandaba á súa moza galega polo móbil», explica. A moza lle reenviaba a el as mensaxes e este devolvíallos traducidos.

Non sabe se esta historia acabou en voda ou non. A que si culminou así foi outra historia de amor entre unha lucense e un alemán. Seco tivo que facer de intérprete na cerimonia civil para que os invitados do noivo seguisen o que se estaba dicindo.

Pero ser tradutor ten tamén o seu lado comercial. Seco traduciu anuncios dunha marca moi coñecida de bebida enerxética, que logo se fixeron moi famosos na tele. Seguindo co tema hostaleiro, tamén recibiu peticións de restaurantes galegos para traducir a carta de comidas a outros idiomas.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas