GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Chegan a Galicia as máis de duascentas persoas participantes no programa “Reencontros na Casa 2011”

(23/06/2011)

Chegan a Galicia as máis de duascentas persoas participantes no programa “Reencontros na Casa 2011”

 
 
mércores, 22.06.2011
  • A emigrante con máis idade, procedente de Arxentina, ten 98 anos.


As 218 persoas participantes da edición deste ano do senlleiro programa “Reencontros na Casa”, posto en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, comezaron chegar hoxe mércores ao aeroporto de Lavacolla. Pasada a unha da tarde, aterraba o voo IB 554 cos 76 primeiros, procedentes de Uruguai (agás un, desde Chile).

Ao longo da tarde, estaba prevista a chegada dos e das restantes, coa única excepción dos dous participantes residentes en Venezuela, que o farán mañá xoves. Así, ás cinco aterraba outra aeronave con 46 procedentes de Brasil e Arxentina, e a terceira chegaba ao aeródromo compostelán minutos antes das oito con 94, procedentes de Arxentina e Cuba. En cada un dos tres voos acompañaban aos e ás emigrantes dous coidadores.

O programa “Reencontros na Casa“ ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra, e a súa familia, aos galegos e galegas residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través deste programa facilítase que estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para moitos e moitas, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, des que iniciaran a súa andaina alén o Atlántico.

O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60 por cento do custe da pasaxe, entre os seus países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Cuba e Venezuela. Nestes dous países, a axuda consiste nun 80 por cento do custo da pasaxe, por mor da situación económica e as dificultades para acceder ás divisas necesarias.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar esta parte importante do billete, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

Requisitos dos beneficiarios e beneficiarias
Para se beneficiar do programa, o ou a solicitante debeu acreditar ser emigrante galego ou fillo de emigrante galego, residir en Latinoamérica, ter máis de 55 anos, ser válido por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe das pensións asistenciais españolas por ancianidade para o país de residencia. Igualmente, poden beneficiarse os cónxuxes dos emigrantes galegos e galegas que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Aínda que os e as participantes teñen máis de 55 anos, cómpre subliñar a presenza de beneficiarios que superan con creces esa media de idade. Destaca un participante procedente de Arxentina con 98 anos, e outros tres beneficiarios de Arxentina e Uruguai con 89 e 88 anos.

Polo que respecta ao lugar de nacemento, o 29 % é nado na provincia da Coruña, o 6 % naceu na provincia de Lugo, o 11% é nado na provincia de Ourense, o 36 % naceu na provincia de Pontevedra, e o restante 18 % son fillos e fillas de emigrantes nados xa en Latinoamérica. Cómpre aclarar que a baixa porcentaxe de Lugo corresponde á súa menor presenza estatística na diáspora, en comparación coas outras tres provincias.

Reencontros na Terra
Por outra parte, a web www.galiciaaberta.com ven de publicar as listas provisionais de solicitudes completas e excluídas do programa “Reencontros na Terra” na súa edición 2011. Trátase dun programa similar ao de “Reencontros na Casa”, pero neste caso é a Administración autonómica a que tutela directamente a estadía, e encárgase da manutención e traslado, dos e das participantes no programa.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas