GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Galicia exporta capital humano

(03/05/2011)

Galicia exporta capital humano

O empobrecemento económico máis grave é o derivado de que cada ano abandonen a comunidade máis de 10.000 adultos activos e mozos ben formados ou con experiencia profesional

Autor: 
Félix Soria
Data de publicación: 
01/05/2011

A evolución histórica da demografía galega caracterízase desde fai máis dun século pola perda continua de habitantes debido fundamentalmente á emigración -máis recentemente, tamén por mor da caída da natalidade-, primeiro cara a Hispanoamérica, logo a outros países europeos e sempre, con maior ou menor intensidade, ao resto de España, especialmente a Madrid, Cataluña, o País Vasco e nos últimos dez anos, tamén destacaron como destino as illas Canarias.
En 1857, primeiro ano do que existen referencias fiables, os residentes en Galicia supuñan máis do 11% do total de habitantes de España e a galega era a comunidade con maior densidade poboacional da Península. O ano pasado, esa taxa era do 5,95%.
Á constante emigración -o período que tivo maiores efectos negativos para a economía galega foi o dos anos cincuenta e sesenta do século pasado- sumouse a partir da segunda metade da década de 1970 un descenso case continuado do número de natalicios. Así, en todos e cada un dos anos setenta rexistráronse máis de 40.000 nacementos por ano. No 2005 esa cifra xa se reduciu á metade e segue baixando.
Ese fenómeno foi similar en case toda Europa, máxime nos países mediterráneos e en varias rexións é singularmente intenso. Xunto a Galicia, nese aspecto destacan as comunidades españolas de Asturias, Castela-León e Cantabria; en Italia o descenso foi espectacular en Sicilia e Calabria, e en Grecia cabe subliñar o caso do Peloponeso.
VISIÓNS PARCIAIS
Hai demógrafos que por encima doutros fenómenos achacan a redución de nacementos aos cambios habidos no comportamento reprodutivo das mulleres, estimando mínimo o impacto do descenso do número das mulleres que están en idade de procrear.
Con todo, estudos máis amplos que teñen en conta factores económicos e orillan puntos de vista que adoecen de certo sexismo, resulta que hai factores tanto ou seica máis influentes que o comportamento reprodutivo das mulleres.
Así, por exemplo, tamén é moi influente a actitude dos homes, que son tanto ou máis remisos a ter fillos que as mulleres; a crecente incorporación delas ao mundo do traballo; a perda de capacidade adquisitiva da xeneralidade dos traballadores -que foi constante desde a década de 1980-, a xeneralización do uso de anticonceptivos e, aínda que é de difícil avaliación, tamén tivo consecuencias demográficas e económicas a radical transformación habida en canto a hábitos cotiáns e valores de orde psico-social (por exemplo, ter fillos deixou de ser un obxectivo prioritario; é máis, o número de persoas que o evitan vai en aumento).
NAIS TReINTAÑERAS
Proba deses e doutros cambios é que a idade media das mulleres galegas que son nais por primeira vez pasou nos últimos tres decenios dos 22/24 anos aos 31/32. No caso dos homes o salto a este respecto foi parello (aínda que con 3/4 anos máis en cada unha das pinzas indicadas).
Abundando en detalles, as nais galegas -que neste aspecto destacan xunto ás asturianas e vascas- pasaron de ter unha media superior aos dous fillos durante a década de 1970 a menos dun na actualidade (máis exactamente: 0,8).
Desde os primeiros anos oitenta, a taxa de natalidade de Galicia foi inferior á media española, o que segundo os estudiosos do asunto deberíase non só á perda de poboación nova senón tamén á xa habitual insuficiente xeración de emprego, á crecente incorporación da muller ao mundo do traballo, e aos transvasamento de persoas activas entre o sector primario e o secundario, anos setenta e oitenta, e ao terciario despois.
No entanto, é obrigado apuntar que o espectacular aumento da esperanza de vida -a española é unha das máis altas do mundo- ten notables efectos estatísticos. Pero á súa vez, esa mellora en materia de saúde tamén contribúe a reducir a mortalidade natal e infantil, aínda que este efecto foi parcialmente compensado (ou malogrado) polo incremento de mortes en accidentes de tráfico e por mor de patoloxías relacionadas coa drogadicción e outros hábitos insanos, que afectaron sobre todo á poboación masculina.
a FEMINIZAción e a emigración de mozas
Dúas características diferencian a Galicia da maioría das comunidades autónomas españolas e tamén da práctica totalidade dos países socios da Unión Europea (UE): a elevada taxa de habitantes maiores de 65 ou máis anos (no 2010 xa supuñan o 22,15% do total) e a crecente feminización demográfica (no 2010 o 51,8% de residentes en Galicia eran mulleres e a porcentaxe vai en aumento).
Neste último fenómeno o factor máis influente foi a emigración, que -en comparación coa doutros territorios europeos- durante os últimos anos é singularmente elevada entre os homes menores de 30 anos, o que ademais dificulta aínda máis a substitución xeracional, lastra a capacidade produtiva e, xa que logo, penaliza o crecemento e o desenvolvemento económicos.
Xunto a Escandinavia e a varios dos novos países socios do leste europeo, Galicia figura entre os territorios da UE con maior tendencia á feminización.
Durante o decenio 2001-2010, Galicia perdeu 93.000 adultos novos (dato aproximado, provisional e calculado á baixa) con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; dándose o agravante económico de que a práctica totalidade dos maiores de 24 anos que emigraron eran individuos xa formados académica ou profesionalmente.
A media de tan grave sangría demográfica e económica chegou a alcanzar os 13.800 individuos/ano durante o cuadrienio 2003-2006, aínda que esta cifra reduciuse a medida que se agravaba a crise económica iniciada a finais do 2007.
REFERENCIA EQUÍVOCA
Paradoxalmente, durante esa década (2001-2010) houbo anos nos que a chegada de inmigrantes foi superior ao número de persoas que abandonaban Galicia. Con todo, a maioría dos novos residentes (sete de cada dez) eran individuos nacidos en Galicia (é dicir, retornados) e apenas tivo efectos económicos.
A contía de inmigrantes estranxeiros e activos chegados a Galicia foi a máis reducida de todas as comunidades españolas -xunto á de Estremadura.
Ademais, case todos os retornados son maiores de 64 anos ou adultos sen emprego -entre estes son maioría os que non teñen intención de buscalo porque perciben pensións ou regresaron con aforros ou capital suficientes para vivir sen traballar. É máis, se a esas incorporacións súmanse os fillos que se fincaron en Galicia debido ao regreso dos seus pais, máis do 80% dos teóricos inmigrantes nada teñen que ver co fenómeno inmigratorio do que se beneficiaron os tecidos produtivos de comunidades como Cataluña, A Rioxa, Madrid ou Murcia.
PROXECCIÓNS INQUIETANTES
Todas as proxeccións demográficas, sen excepción, alertan de que a demografía de Galicia vai a peor, tamén no tocante aos efectos económicos. Pero nesas previsións non só inflúe a caída da natalidade, entre outras rémoras endógenas, senón que tamén se debe á case nula chegada de inmigrantes.
Polo tanto, atendendo ás repercusións económicas, a medio e longo prazo os efectos máis negativos deberanse á perda de poboación activa moza e formada que emigra por ausencia de emprego; dándose o paradoxo de que Galicia é exportadora neta de capital humano intelixente ou con pericia produtiva.
A poboación de Galicia figura entre as da UE que rexistran maior tendencia á feminización
Paradoxalmente, hai activos galegos ben formados e con pericia profesional en case todos os países da UE
Hai demografías tan débiles como a galega pero equilibradas grazas a que atraen inmigrantes

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas