GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Cuba e Galicia: décadas de simbiose

(25/02/2011)

Cuba e Galicia: décadas de simbiose

 
 
Xoves, 24.02.2011
  • Xosé Neira Vilas participou no Festival de Integración Cultural Cubano-Galego, onde expuxo os resultados de 28 anos de investigación sobre a emigración galega en Cuba.

A bandeira galega izouse por vez primeira en Cuba no ano 1904. A letra do himno, composta por Eduardo Pondal, cantouse antes que en ningún outro lugar no Gran Teatro de La Habana, o 27 de decembro de 1907. E mesmo a Real Academia Galega comezou a xerarse en territorio cubano cando, alá por 1905, se constituíu na capital desa illa a Sociedade Protectora da Academia Galega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. Pero máis alá dos símbolos, Galicia garda con Cuba unha inmensa débeda cultural e infinidade de lazos.

Que o poemario Follas Novas, escrito por Rosalía de Castro e un dos símbolos literarios máis coñecidos das nosas letras, se publicou por primeira vez en Cuba, é un dato coñecido por unha boa parte da cidadanía, aínda que tan só sexa porque o tema é materia de exame nos institutos de Galicia. O mesmo sucede co himno, a bandeira ou a Real Academia, que gardan un forte vínculo co país tropical. Non obstante, os lazos que unen á sociedade galega coa cubana van moito máis alá dos símbolos, remóntanse séculos atrás no tempo e non resultaría esaxerado dicir que contribuíron en boa medida ao desenvolvemento sociocultural da nosa poboación. Iso é, polo menos, o que considera o literato Xosé Neira Vilas, que este luns se achegou ata Vilagarcía para participar nun coloquio sobre a emigración galega en Cuba. Despois de trinta e un anos de vida na Habana e ao redor de vinte e oito dedicados á investigación da presenza galega nesa cidade, o autor de Memorias dun neno labrego é, aos seus 83 anos, unha das voces máis autorizadas e con máis traballo realizado arredor desta temática.

Neira Vilas, que actualmente dirixe en Vila de Cruces a fundación que leva o seu nome, non quixo perderse a oportunidade de participar no primeiro Festival de Integración Cultural Cubano-Galego que se celebra na capital arousana ata este xoves, e polo que durante seis días foron e irán circulando algúns dos artistas cubanos que actualmente residen na provincia de Pontevedra.

Se ben os fluxos migratorios maioritarios se inverteron, e na actualidade os galegos que se trasladan a países latinoamericanos son os menos, economía e política motivaron antano que centos de galegos cruzasen o Atlántico en busca dunha vida mellor.

A Habana foi un dos berces que permitiu que o galeguismo se desenvolvese, lonxe da represión dos anos do franquismo. Pero houbo moito máis, á parte das estadías de personaxes tan coñecidos como Castelao. Entre o inicio da "emigración masiva" de galegos a Cuba de 1870 ata as fins desa tendencia, no comezo da década dos 30, forxouse entre galegos e cubanos unha sorte de simbiose que serviu para dar forma a diversas iniciativas formativas.

"Á parte dos símbolos, en sentido práctico un dos xestos máis importantes de altruísmo foi o das escolas", aseverou Neira Vilas, que horas antes de participar na charla-coloquio celebrada onte pola tarde no Auditorio conversaba con este medio.

Segundo as investigacións do autor de Xente non rodicio, "o 80% das 310 escolas creadas en Galicia entre 1905 e 1930 foron financiadas por emigrantes galegos en Cuba". En 1910 formáronse en Cuba 64 Sociedades de Instrución, segundo explicou Neira Vilas. A través destes organismos os emigrantes facían chegar ás súas localidades natais diñeiro, material escolar e mobiliario para poñer en marcha colexios, para cuxa construción en moitos casos se encargaron mesmo de adquirir os terreos necesarios e, posteriormente, de aboar mensualmente o salario dos seus mestres.

Aínda que toda a xeografía galega se beneficiou desta iniciativa, a provincia de Lugo foi a que viu proliferar un maior número de colexios, pois de alí partiron a maior parte dos emigrantes galegos Á habana, segundo asegura Neira. "En 1919 no censo de rapaces que ían facer o servizo militar en Viveiro non había nin un só analfabeto; e iso foi posible grazas ás 16 escolas feitas dende Cuba nese municipio", aseverou o investigador.

Segundo asegura Neira Vilas, este afán formativo debeuse á vontade de superación dos nosos emigrantes de antano. "Moitos saían de aquí case analfabetos, e decidiron crear escolas para conseguir que ninguén se burlase dos seus nenos cando estes tivesen que saír dos seus pobos. Moitos deses emigrantes non sabían ler nin escribir, e querían cambiar iso para que no futuro os seus fillos non tivesen que aceptar os traballos máis duros e puidesen aspirar a algo mellor".

Non obstante, os beneficios formativos da relación galego-cubana non beneficiaron soamente a Galicia. Tras o triunfo da revolución cubana, en 1959, creáronse nesa illa numerosas escolas de pesca "que tiveron como xerme pescadores galegos que faenaban no Golfo de México, en augas da Florida e de Yucatán," indica o investigador. Así, os anos de experiencia no mar dos galegos serviron para que en Cuba se introducisen novas técnicas e habilidades pesqueiras, que estes homes, moitos xa retirados, se encargaron de ensinar, tal e como explica Neira Vilas no seu libro Galegos non Golfo de México.

Igualmente, moitos galegos participaron nas dúas guerras pola independencia que viviu Cuba, a primeira delas en 1868, polas mesmas datas que comezou a deriva migratoria masiva de Galicia á illa tropical. Teño catalogados máis de cen galegos, con nome e apelidos, que participaron nesas contendas; algúns dos cales chegaron mesmo a ocupar altos cargos", expón Neira.

En Cuba editouse en 1879 El eco de Galicia, "o primeiro xornal galego". Alí creáronse centros galegos, fundouse a Sociedade de Beneficiencia Natural de Galicia en 1871, publicouse A Besta, "a primeira novela social galega, de Xan de Masma,", e comezou a pintar Laxeiro, que se formou na Escola de Belas Artes do Centro Gallego de La Habana. Agora a tendencia invértese, e estes días creadores cubanos de distintas disciplinas mostran en Vilagarcía as súas obras e recordan as décadas de vida en común con esta terra.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas