GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta descarta levar ao Constitucional as restricións ao voto emigrante

(18/02/2011)

A Xunta descarta levar ao Constitucional as restricións ao voto emigrante
Feijóo rexeita a invitación do Goberno canario de formar unha fronte común para recuperar o dereito de sufraxio dos españois no exterior nas eleccións municipais


R. P. / P. P. A Coruña / SANTIAGO

Non haberá unha fronte común entre as comunidades con máis peso da emigración para intentar recuperar o voto exterior. Por agora, o Goberno canario seguirá en solitario a súa loita xudicial contra a recentemente aprobada reforma electoral que veta a participación da diáspora nas eleccións municipais. Ante o emprazamento do Goberno de Paulino Rivero (Coalición Canaria) de impulsar tamén un recurso de inconstitucionalidade contra as restricións ao voto emigrante, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, descartou onte a posibilidade de levar ao Tribunal Constitucional o veto aos españois no exterior nos comicios locais. Esta reforma deixará fóra da próxima cita coas urnas, o 22 de maio, a máis de 1,4 millóns de emigrantes, deles uns 368.000 de orixe galega.

Pero á hora de argumentar o seu rexeitamento á invitación do Executivo canario, Feijóo deixou entrever as fisuras que provocara entre o PP galego e a dirección nacional o apoio dos deputados populares á reforma que limita a participación electoral dos emigrantes. "As decisións dos grandes partidos -dixo en referencia ao acordo entre PP e PSOE en Madrid-, con independencia de que sexa exactamente o que faría a Xunta, deben ter certo amparo por parte de todos os responsables políticos", expuxo Feijóo tras a reunión do Consello da Xunta. E tras cuestionar que o problema que ten España é que "ás veces é imposible porse de acordo co Goberno central", o xefe do Executivo galego apuntou que "cando se consegue algún acordo, con independencia de que se poida ou non estar en desacordo con algunha materia concreta, é máis importante o que une que o que separa". "Con independencia -engadiu- de que nós con algunha cuestión concreta teñamos a nosa opinión como Goberno galego".

E é que mentres o PP avalaba en Madrid as restricións ao voto exterior nas municipais, o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, defendía o dereito de sufraxio para a emigración "sen limitacións". Nunha viaxe a Bos Aires, Camba reivindicou eleccións "transparentes, en urna e sen limitación de dereitos" para os galegos que residen no exterior. "Non vexo oportuno que haxa restricións no sufraxio dos residentes no exterior", proclamou desde a outra beira do Atlántico o secretario xeral de Emigración.

As mesmas diferenzas déronse no seo do PSOE. O discurso en Ferraz nada tiña que ver co que defendían en O Hórreo. E foi precisamente a presión dos socialistas galegos a que logrou frear o alcance da reforma que pretendían sacar adiante desde Madrid. E da proposta inicial que supuña a eliminación do sufraxio da diáspora en municipais, autonómicas e o Congreso, finalmente a restrición limitouse aos comicios locais aínda que coa aplicación do voto rogado para as autonómicas.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas