GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Dotados con 500.000 euros os programas formativos, impartidos por entidades sen ánimo de lucro, para inmigrantes e retornados.

(14/01/2011)

Dotados con 500.000 euros os programas formativos, impartidos por entidades sen ánimo de lucro, para inmigrantes e retornados.
  • A convocatoria, que se realiza por vez primeira deste xeito (cunha listaxe de cursos xa pechada), prima o criterio do compromiso de contratación de alumnas e alumnos.



O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na súa edición deste mércores as bases reguladoras das axudas –en réxime de concorrencia competitiva- a entidades sen ánimo de lucro para desenvolver accións de formación laboral que contribúan a incrementar a participación de inmigrantes e retornados no mercado do traballo en Galicia.

Trátase da primeira vez que a Comunidade Autónoma convoca este tipo de axudas cunha listaxe pechada de cursos, xa que ata o de agora se viñan subvencionando accións concretas en función do seu interese particular, pero sen un criterio único prefixado, e con duracións e obxectivos dispares. Cómpre salientar neste senso que á listaxe definitiva publicada hoxe no DOG chegouse tras unha serie de consultas realizadas pola Secretaría Xeral de Emigración coas entidades públicas e de iniciativa social que traballan no eido da integración laboral e social dos migrantes.

Os fondos cos que conta a iniciativa da Xunta fíxanse inicialmente en medio millón de euros, dos que o oitenta por cento están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo FSE Galicia 2007-2013, e concretamente polo eixo 2 de “Fomento da empregabilidade, da inclusión social e da igualdade entre homes e mulleres”.

O contrato, principal factor
O procedemento de concesión das axudas e subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 12 de febreiro, e o de resolución fíxase en tres meses.

A convocatoria estipula asemade as condicións previas das organizacións que opten ás axudas, así como a acreditación dos gastos realizados, e a documentación necesaria para avalalas. Entre os criterios de baremación destaca de maneira especial o compromiso de contratación posterior de alumnas e alumnos, que computa de xeito moi relevante.

As accións formativas para as que se convocan axudas son ben variadas, abranguendo cursos para albanelería, arranxo de roupa, atención a enfermos de alzheimer, asistencia domiciliaria, de auxiliar agropecuario/a, e de granxa porcina, axudante de peiteado, camareiro/a, cociñeiro/a, ebanista, electricista, empastador/a de barcos, escaiolista, fontaneiro/a, limpador/a, manexo de elevadoras, manicura, macánico/a, panadeiro/a, pintor/a e azulexista, de plantación e poda, planchador/a, recepcionista, reposteiro/a, de tala forestal, de uso de motoserra, xardineiro, e un curso para formación acelerada para a obtención do CAP na súa modalidade de viaxeiros e/ou mercadorías. As accións formativas subvencionables han ter un mínimo de 15 alumnas/os por curso, coa única excepción da última das citadas.

Por toda Galicia
Canto ás contías por acción, estas abranguen un abano desde os 4.080 € do curso de manexo de carretas elevadoras, ou os 4.200 do de planchador/a, ata os 9.780 dos de cociñeiro/a, unha cantidade similar para o de empastador de barcos, ou os 12.000 do curso acelerado do CAP. A listaxe completa, así como o resto dos datos descritos, pode consultarse on line no Diario Oficial de Galicia.

As accións desenvolveranse en localidades de toda Galicia. Así, terán lugar nos municipios de Tordoia, Ferrol, Santiago, Ribeira, Abegondo, Rois, Cerceda, Ames, Arteixo, Culleredo, Ordes, Carballo, As Pontes, Betanzos, e A Coruña, na provincia homónima; en Lugo, Burela, Monforte, e Vilalba, na circunscrición lucense; en Ourense, Pereiro de Aguiar, Xinzo de Limia, O Carballiño, O Barco, Ribadavia, e Verín, na provincia ourensá; e, finalmente, en Vigo, Lalín, Sanxenxo, O Grove, Vilanova, O Porriño, Redondela, Cambados, Poio, e Pontevedra, na provincia homónima.

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas