GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Pilar Pin, directora xeral da Cidadanía Española no Exterior: ''As dificultades técnicas fan o voto en urna case inviable na diáspora''

(14/06/2010)

Pilar Pin, directora xeral da Cidadanía Española no Exterior: ''As dificultades técnicas fan o voto en urna case inviable na diáspora''


 Fotos: Jessica Barcala (AGN)

 

13/06/2010 - V. Núñez. AGN

En permanente contacto coa emigración, a directora general de la Ciudadanía Española en el Exterior, Pilar Pin (Lugo, 1956) pon enriba da mesa as súas dúbidas sobre a ''viabilidade'' de implantar o voto en urna na diáspora, tal e como reclama a Xunta. Malia que rexeita pronunciarse sobre o acordo alcanzado a finais de abril na subcomisión do Congreso que estuda a reforma da lei de réxime electoral (Loreg) para impedir ós emigrantes participar nos comicios locais, admite que ''se votan'' no estranxeiro, ''non deben facelo aquí''.

Pregunta: A subcomisión que estuda a reforma da lei electoral acordou que os emigrantes non poidan votar nas municipais. A medida podería aplicarse xa nos comicios de 2011?

Resposta:
É unha cuestión que compete ó lexislativo, na que non podo entrar como membro do Goberno. Só sei que o día 30 haberá unha nova reunión da comisión á que podería levarse algunha proposta. O obxectivo non se cingue só ó voto exterior, senón que se trata de adaptar a lei electoral á realidade.

P: Pero a revisión do sufraxio exterior é unha demanda histórica...

R: O voto exterior é só un dos aspectos claves desta revisión. No marco do traballo da subcomisión hai que integrar un informe do Consejo de Estado, que pon en cuestión que os emigrantes no exterior poidan votar nas municipais por un principio de proximidade. Isto responde á transposición de directivas que indican que calquera cidadán europeo que viva en España pode votar nos comicios locais, e viceversa. O que é evidente é que se un holandés vota en España, non pode facelo no seu país. Polo tanto, preténdese facer norma tendo en conta que se están desenvolvendo moitos acordos entre España e países de América, que implicarán que se votan alí non poderán facelo aquí. Non é unha cuestión de privación de dereitos, senón de regulamentación.

P:
Será complexo acadar un consenso político para reformar a norma?

R: Ningún acordo sobre unha lei orgánica se fai sen un amplísimo consenso de fondo e forma. A reforma da Loreg terá que ser aprobada polas tres quintas partes do Parlamento. Polo tanto, non vale que o PP diga unha cousa dentro da subcomisión e ante as súas agrupacións do exterior se opoña ó dito.

P: A reforma da Loreg leva anos na axenda dos partidos. Por que se postergou ata o de agora?

R: A subcomisión creouse a finais de 2008 pero o debate foise aprazando sucesivamente. Penso que se debe ás dificultades técnicas de chegar a unha proposta viable dende o punto de vista loxístico e técnico.

P: Cales son estes atrancos?

R: Cando se fala de voto en urna, as dificultades técnicas son de tal magnitude que se fai practicamente inviable. Dados os informes que se están elaborando, de pouco serve facer unha proposta de voto en urna se na práctica é moi difícil instalar unha operativa que permita participar. E se un dereito non se pode exercer, non existe. Os estudos din que non se pode facer unha transposición simple e directa do dereito español ó exterior. En países como Brasil ou Arxentina, as posibilidades de instalación de mesas en condicións de garantías alonxarían da posbilidade de voto a moitas persoas.

P: É un sistema necesario para compensar as deficiencias do correo...

R:
Haberá que regulamentar de forma que se impida que unha persoa que vote por correo se achegue logo a unha urna. Se non existe unha informatización de toda a administración electoral no exterior, pode darse esta circunstancia, o que sería un fraude. Cando isto se produce, non debe atribuirse nunca ó elector no exterior, senón a algúns axentes electorais que aproveitan as fisuras do sistema para suplantar ó votante.

P: O Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior aposta polo sufraxio electrónico...

R: O voto exterior sería un espazo piloto especial para probalo, dado que agora, tanto España como outros estados teñen sistemas con altas garantías. En todo caso, hai dous aspectos do voto electrónico: a informatización dos colexios electorais e do Cera e o sistema que implica entrar en internet. É o momento de optar por este último. Nun país como Chile, se se pon unha urna no único consulado que hai, quedará a miles de kilómetros dalgúns electores, o que supón unha restrición de dereitos.

''Haberá que comprobar que o sufraxio rogado non implique unha dificultade''
P: Canto custaría implantar o voto electrónico?

R: O que sí está estudado é o que custaría unha operativa mínima de voto en urna. Nun primeiro momento, a instalación dos colexios electorais suporía máis de 150.000 euros de mínimo para poñer o dispositivo en marcha, á marxe doutros custes como o traslado de papeletas, e demais. Isto no caso de que houbese unha circunscrición única, o que xuridicamente semella bastante dificultoso. Se se manteñen as demarcacións provinciais, habería que poñer 52 urnas en cada colexio electoral e as papeletas de todas as candidaturas. Parece altamente improbable que isto responda a unha realidade.

P: O acordo dos grupos políticos fixa a xeralización do voto rogado para os que o fagan por correo. Isto reducirá a participación?

R:
O voto rogado é unha posibilidade, aínda que implica o voto por correo, que en determinados países non funciona coma en Europa. Haberá que comprobar que non se vaia introducir unha dificultade a maiores. De feito, cando é solicitado, pásase dunha participación do 39% a só un 5%. O sufraxio electrónico impediría a problemática que introduce a distancia e o dobre voto, ó tempo que non habería que lidiar coas dificultades loxísticas que conleva desprazar papeletas de 52 circunscricións.

P: Unha das asignaturas pendentes é actualizar o Censo de Residentes Ausentes (Cera). Cando se abordará?

R:
É outro tema que hai que facer, ó tempo que caben propostas máis avanzadas que, neste momento, teñen as súas dificultades de implementación, como o DNI electrónico.

P: O Cera actual está moi desviado da realidade?

R: Pode estar alonxado nun 20%, o que supón unha porcentaxe importante. Hai que facer un esforzo a este nivel. Para desenvolver a Ley de Memoria Histórica os consulados despregaron un operativo importante para atender as solicitudes dos descendentes de emigrantes interesados en obter a dobre nacionalidade, isto podería manterse activo para a actualización do Cera e incluso para a creación do DNI electrónico no exterior.

''A posición de Camba é un insulto, porque todos coñecen a postura do PP no Congreso''
P: Como avalía o feito de que o Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior rexeitase que se suprima o voto nas locais?

R: É normal que o pleno se pronunciase en contra de calquera restrición. Despois de todas as conquistas tanto de dereitos como de prestacións sociais que se alcanzaron sobre todo nos seis últimos anos, é normal que faga valer o seu traballo.

P: Tamén hai voces que cuestionan a lexitimidade dos emigrantes para decidir sobre o futuro da política local, autonómica ou española.

R:
Si. Pero temos recoñecido o voto dos ausentes na Constitución e temos que respostar a isto.

P: Malia que o PP apoia na subcomisión a limitación do voto nas municipais, o secretario xeral de Emigración da Xunta, Santiago Camba, oponse e pide xeralizar as urnas...

R:
É un insulto, porque todo o mundo coñece a posición do PP na subcomisión. Ademais, a defensa do voto en urna que fai o presidente da Xunta é un problema moi grave en canto a posibilidades de exercicio real. Esta opción non é unha solución senón un problema.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas