GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O regreso imposible

(22/02/2010)

O regreso imposible

As débedas da viaxe, o pouco tempo cotizado e as peculiaridades do emprego feminino complican o retorno dos traballadores estranxeiros aos seus países

DIANA MANDIÁ - Santiago - 22/02/2010

Un ano e oito meses logo da súa chegada, o sobriño de Fernando xa quería irse de Galicia. Estaba sen traballo cando o Goberno central aprobou o Plan de Retorno Voluntario para os inmigrantes dunha vintena de países extracomunitarios, entre eles o seu, Ecuador, e viu a oportunidade perfecta. Regresou a Quito cos 4.200 euros equivalentes a seis meses de paro e a idea de montar un pequeno restaurante cos aforros dos seus dous de estancia en Santiago. "Non llo pensou dúas veces", conta o seu tío Fernando, tamén inmigrante, sen emprego desde fai un ano e coa prestación por desemprego xa esgotada. A diferenza do seu sobriño, el nunca pensou en irse. "Un deixou as súas cousas de alá a amigos e familias, se me vou tería que empezar de novo", lamenta.

Como Fernando -que preside a asociación de inmigrantes ecuatorianos (Cosior) de Santiago- a maioría dos inmigrantes optaron por resistir en Galicia os embates da crise. Dos

traballadores que poden acollerse a este plan en Galicia fixérono, ata a data, 209 persoas. En provincias como a de Ourense, o Ministerio de Traballo non recibiu máis de 11 solicitudes. Nas que máis éxito tivo a iniciativa, A Coruña e Pontevedra -tamén as que teñen maior número de inmigrantes- o número de solicitudes non supera as 95 e 68, respectivamente. A oferta do goberno non tenta aos inmigrantes de Galicia.

Ao sobriño de Fernando si o tentou. Tiña dereito a seis meses de paro, que cobrou por adiantado -o 40% antes de abandonar España, o 60% xa no seu país-, fixo as maletas e foise. Por agora é o único ecuatoriano da asociación que optou por volver. "Non coñezo ningún outro caso de retorno entre os compañeiros". Moitos inmigrantes, como o propio Fernando, completaron o reagrupamiento familiar e senten máis de acá que de alá. Tampouco lle gustaría interromper os estudos do seu fillo, que cursa primeiro de Bacharelato nun instituto compostelán. Pero se Fernando queda é sobre todo porque a súa muller segue traballando no servizo doméstico. Coa prestación por desemprego esgotada, o da súa esposa é o único soldo que entra en casa. E Fernando aínda ten a esperanza de atopar un traballo que lles permita saír á boia. "Hai que facer o esforzo, non vimos ata aquí para nada", afirma.

O éxito do plan do Goberno é directamente proporcional á soidade do inmigrante no país de acollida. "Non tes traballo e encima estás lonxe dos teus, é máis fácil que che acabes marchando". El mesmo desistiu unha vez, fai anos, da súa primeira aventura en España. Empezou a traballar de camareiro nun bar de Madrid, pero cos 300 euros que cobraba non podía facer fronte a un aluguer e moito menos enviar diñeiro á súa familia en Ecuador. "Agora atópasche con xente española nas mesmas entrevistas de traballo que ti. Antes non ían", asegura.

Con todo, Fernando non se vai. "Eu o retorno só llo aconsello á xente que estea sen a súa familia. Hai que ter en conta que non é unha axuda, senón un adianto dun diñeiro que xa che pertencía", explica. "Alá tamén hai que buscarse a vida". Acollerse ao plan de retorno pecha as portas a unha nova entrada en España nun prazo de tres anos. "Moitos inmigrantes endebédanse para vir ou están atados a hipotecas, como se van a marchar así?". Mentres espera que melloren as cousas, agárrase a traballos esporádicos. "É moi difícil alcanzar a estabilidade laboral", secunda Nelly Carranza, que preside unha asociación de bolivianos na Coruña e que no último ano viu marchar a varios compatriotas. A muller, asegura, teno dobremente dificil: polo tipo de traballos que fan as inmigrantes, o retorno favorece aos homes.

A inmigración do outro lado do Atlántico ten maioritariamente rostro de muller, pero retornan máis eles. No mellor dos casos, as inmigrantes cotizan dentro do réxime especial da Seguridade Social como traballadoras domésticas, polo que non teñen dereito á prestación por desemprego. Para elas non hai retorno posible, a menos que llo paguen do seu propio peto. "É inxusto, porque sen paro non podemos acollernos ao Plan de Retorno", di unha inmigrante boliviana que logo de tres anos vivindo en Galicia regresará ao seu país de forma inminente, e sen ningún tipo de axudas. "Hai que pensar que opcións dannos os gobernos dos nosos países ao regresar", quéixase. Os que quedan, a maioría, fano porque non cotizaron o suficiente para un retorno digno. "Non queren regresar derrotados", explica Víctor Balea, peruano fincado en Santiago. A maioría aínda ten esperanzas, e tamén algunha crítica. "Por que o inmigrante só é válido se produce?", pregúntase Fernando.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas